As obras de construción da rede de saneamento na parroquia de Entenza que o Concello de Salceda de Caselas está a executar avanzan a “bo ritmo e segundo o libro de ruta previsto“, segundo explican desde a administración local que lidera a alcaldesa Loli Castiñeira. Así o puideron constatar esta mañá na visita que realizou a rexedora, Loli Castiñeira, o deputado provincial, Pablo Castillo, o equipo de goberno municipal e representación dos demais grupos políticos da corporación.
Trátase dun investimento valorado en 875.000 euros que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través dos plans Extra e Máis Provincia, “que o goberno municipal decidiu destinar a este servizo tan importante”. A Alcaldesa agradeceu a presenza do deputado Pablo Castillo na visita organizada e, sobre a obra, puideron comprobar o avance das mesmas, “que se están a desenvolver sen grandes imprevistos”.
Esta obra marca “o cumprimento dunha débeda histórica con esta parroquia e suporá que entorno a 120 vivendas poidan por fin contar con saneamento“. A parroquia de Entenza, xunto coa de Soutelo, “era unha parroquia sen practicamente saneamento en todo o seu territorio, polo que o equipo de goberno non dubidou en destinar os 700.000€ que lle correspondían do Plan Extra, incidindo unha vez máis no compromiso do goberno municipal con este servizo fundamental para o cal levan xestionado máis de 3 millóns de euros nesta lexislatura”.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, quixo agradecer tamén a colaboración do tecido asociativo da parroquia, “así como da propia veciñanza, que en todo momento están a colaborar para que as obras se desenvolvan do xeito máis rápido e eficiente”.

