O Concello do Porriño continúa a traballar na recuperación e posta en valor dos muíños de auga repartidos por tódalas súas parroquias. Estas edificacións tradicionais, que durante séculos formaron parte esencial da vida económica e social do rural galego, están a ser rehabilitadas como espazos de encontro veciñal e como parte do patrimonio histórico e etnográfico do municipio, formando parte tamén de rutas de sendeirismo que discorren por diferentes contornas naturais.
«Recuperar os muíños é moito máis ca restaurar pedras, é devolverlle á nosa xente un anaco da súa memoria colectiva. Moitos dos nosos maiores pasaron alí moitas horas do día, non só para moer o gran, senón tamén para conversar, compartir historias e reforzar os lazos da comunidade. Foron auténticos puntos de encontro social. Hoxe queremos que volvan selo: espazos de lecer, de convivencia e de identidade. Esta rehabilitación é unha homenaxe ás xeracións que nos precederon e un legado para ás que veñen”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.
Todos estes muíños non son de titularidade municipal e dende o Concello xa se estivo a realizar un estudo de campo para identificar a eses particulares e así poder tramitar os diferentes convenios, necesarios para acometer estes traballos de mellora. Neste sentido, o alcalde remarca que “dende o Concello debemos contar primeiro coas autorizacións e cesións dos veciños e veciñas propietarias para poder levar a cabo todas estas actuacións, tarefa na que estamos agora traballando”.
20 muíños de auga
O Porriño conta con máis de vinte muíños de auga, agrupados en conxuntos localizados nas distintas parroquias: Mosende, Chenlo, Atios, Budiño, Pontellas, Cans, Torneiros e tamén en Carracido. Dende o Concello queren escoitar tamén as propostas da veciñanza propietaria para levar a cabo esas posibles intervencións, tanto na restauración arquitectónica como na recuperación das súas contornas naturais e, nalgúns casos, incluso a posta en funcionamento para amosar á veciñanza e a turistas a súa función orixinaria, o que suporía un gran descubrimento para os máis novos e gran lembranza para os maiores.
Xunto cos muíños, tamén se están levando a cabo traballos de mantemento e limpeza de fontes, lavadoiros e cruceiros, co obxectivo de conservar e poñer en valor todos aqueles elementos do patrimonio popular que forman parte da identidade do noso rural. A rehabilitación destes bens «representa un firme compromiso do patrimonio histórico e arquitectónico do Porriño e tamén medioambiental, pois ademais de acondicionar a súa contorna constituirán puntos de interese de rutas de sendeirismo que se potenciarán dende o Concello».