miércoles, septiembre 17, 2025
InicioNewsActualidadeMúsica e compras na "Noite Aberta" do Porriño

Música e compras na «Noite Aberta» do Porriño

O Concello do Porriño presenta a primeira edición da “Noite Aberta”, unha proposta novidosa que se celebrará o vindeiro venres 19 de setembro e coa que se pretende dinamizar a vida comercial e cultural da vila cunha noite chea de actividade, música e promocións especiais.

Dende as 21.00 horas e ata a medianoite, un total de 37 comercios locais, que abranguen dende o sector téxtil, calzado, deporte, xoiería, decoración e tamén alimentación manterán abertas as súas portas, ofrecendo coma sempre atención personalizada, os mellores prezos e sorpresas para as persoas que se acheguen a facer as súas compras.

A programación, enmarcada na Festas do Cristo 2025, arrancará xa ás 18.30 horas cunha festa flamenca na Praza Arquitecto Antonio Palacios e continuará co concerto de Noemí ás 21.00 horas no Parque do Cristo, coincidindo coa apertura nocturna dos establecementos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor esta primeira edición como un claro exemplo de colaboración entre administración e sector comercial. “A ‘Noite Aberta’ é unha oportunidade para redescubrir e apoiar o noso comercio local, que é diverso, de calidade e esencial para a vida do Porriño.

Sorteo de premios

As persoas que fagan compras durante a “Noite Aberta” poderán participar no sorteo de tres carros da compra valorados en 100 euros cada un. Para iso, deberán mercar en catro comercios participantes diferentes, cubrir un cupón cos seus datos e depositalo nalgún dos establecementos adheridos. O sorteo terá lugar o último día das Festas do Cristo, coincidindo tamén coa Festa dos Callos, o domingo 5 de outubro, ás 12.00 horas, no salón de plenos do Concello.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS