lunes, septiembre 15, 2025
InicioNewsComarcasO Porriño contará o vindeiro ano coa única sala de cine da...

O Porriño contará o vindeiro ano coa única sala de cine da comarca

O Concello do Porriño acollerá a única sala de cine municipal da comarca e das poucas que hai en toda Galicia. Para elo, saca a licitación o proxecto de reforma interior do auditorio do centro cultural, «que se dotará de tecnoloxía de última xeración e contará cun capacidade  para 170 butacas», segundo explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo.

O rexedor explica nos micrófonos de Si Radio que «esta intervención suporá unha transformación integral da planta baixa do edificio, centrada nos espazos de auditorio, escenario e camerinos, que serán redistribuídos para dar lugar a unha sala versátil, adaptada tanto á proxección cinematográfica como á celebración de congresos, conferencias ou charlas«.

Ademais, a sala «disporá dun sistema de proxección en 4K Ultra Alta Definición, pantalla profesional e un  avanzado sistema de son envolvente, que permitirá exhibir estreas de cine e ofrecer unha experiencia  audiovisual de primeiro nivel». Trátase de «algo moi demandado especialmente polos nenos e nenas do Porriño, é que son moitas as veces que me paran  pola rúa para preguntarme cando vai haber cine no pobo, e por fin podemos dicir que ese soño se vai  facer realidade».

Lorenzo insiste en que «é unha alegría enorme poder cumprir cunha petición tan sentida pola veciñanza máis  nova, que agora poderá gozar do cine sen ter que desprazarse fóra do concello».

Podes escoitar a entrevista completa co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo:

O proxecto céntrase fundamentalmente en catro actuacións: proponse unha redistribución dos espazos  eliminando a zona de escenario elevado e camerinos traseiros, de manque que o espazo dedicado a sala  de avance ata o fondo do edificio; a mellora das características estéticas e acústicas a través da realización dun trasdosado en paredes onde se dispón illamento acústico e un acabado de madeira; renovación das butacas existentes, colocando tres modelos distintos para adaptar o auditorio a diferentes usos, de maneira que ademais de como sala de proxección de películas se poida empregar tamén para a  celebración de conferencias e charlas e, por último, ao ser renovada a instalación de climatización e ventilación recentemente, o proxecto céntrase neste aspecto na colocación de novas luminarias adaptadas aos novos espazos e novas instalacións de son.  

O proxecto conta cun orzamento 251.739,60 euros, financiado ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, e cun prazo de execución de seis meses unha vez adxudicadas as obras.

Pantalla xigante de 5×3 metros 

A contratación de subministro e instalación de equipamento audiovisual para a modernización do  auditorio municipal xa se levou a cabo. Foron preto de 100.000 euros os investidos na adquisición deste equipo, adaptado aos requirimentos técnicos esixidos para a proxección de estreas de cine, e que contou  cunha subvención por parte da AGDIC da Xunta de Galicia.  

Neste equipamento inclúese un proxector dixital profesional de última xeración con tecnoloxía DLP  (Digital Light Processing) Cinema e unha óptica zoom DLP Cinema, a mesma tecnoloxía empregada nas  salas de cine convencionais; un servidor; un dispositivo de almacenamento que incorpora catro discos  duros cunha capacidade bruta total de 16TB; a pantalla eléctrica con proxección con sistema de tiro  directo de medidas 5 x 3 metros e o equipamento de son que conta cun procesador para son  cinematográfico Dolby 5.1 e 7.1 e outras particularidades técnicas de última xeración.  

«Este proxecto non só é unha aposta pola cultura, senón tamén polo dinamismo económico e o atractivo do noso concello. O Porriño contará coa única sala de cine municipal da comarca, unha infraestrutura  pública pioneira en Galicia que colocará á nosa vila no mapa cultural da nosa Comunidade. Será un espazo  moderno, acolledor e tecnoloxicamente preparado para ofrecer programación de calidade durante todo  o ano. É unha gran noticia para a veciñanza e tamén para atraer visitantes doutros municipios”, conclúe  o alcalde. 

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS