O Concello de Ponteareas comeza o curso escolar facendo balance das intervencións realizadas nos meses de verán nos centros educativos públicos de infantil e primaira.
Con recursos propios, o Concello transformou a casa do conserxe do CEIP As Veigas nunha aula para alumnado con necesidades educativas específicas, obras que afrontan a fase final de equipación e mobiliario. Para esta transformación, as e os traballadores do departamento de Ensino realizaron obras de desescombro, instalación eléctrica, alicatado, enlucido, pintado, carpintería de aluminio, rampas de acceso e colocación de solos entre outros traballos.
Nos centros executáronse limpezas exteriores, poda de vexetación, reparación de canalóns, reparación de persianas, colocación de solos, traballos de fontanería, pintado, soterrado de tubaxes, acondicionamento de patios e obras de mantemento en xeral. A estas obras hai que sumarlles as de mellora da eficiencia enerxética con cambios de fiestras e intervencións en envolventes.

