A Xunta desactiva a Situación 2 na Pobra do Brollón e estabiliza o lume da Fonsagrada, pero mantén activos tres grandes incendios. Así o vén de comunicar a Consellería de Medio Rural no último parte sobre a situación dos lumes en Galicia. Confirma, con todo, que seguen activos os lumes de Avión e Carballleda de Valdeorras.
Deste xeito, as principais novidades son a desactivación da Situación 2 no incendio forestal da Pobra do Brollón-Abrence (900 hectáreas) e a estabilización do lume rexistrado na Fonsagrada-San Pedro de Río (40 hectáreas). Actualmente continúan activos tres incendios de máis de 20 hectáreas en Galicia. Trátase dos das Pobra do Brollón-Abrence na provincia de Lugo, e dos de Avión-Nieva e de Carballeda de Valdeorras-Casaio, na de Ourense.
Lugo
ACTIVOS
Activo A Pobra do Brollón-Abrence. Desactivada Situación 2
Desde as 13.06 horas o lunes está activo un incendio forestal no concello lucense da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Neste lume acábase de desactivar a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, nesta mesma localidade; e nos de Conceado e San Pedro, xa no municipio veciño de Quiroga. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 13 técnicos, 56 axentes, 61 brigadas, 51 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 13 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ESTABALIZADOS
Estabilizado A Fonsagrada-San Pedro de Río
Ás 12.34 horas de hoxe quedou estabilizado o incendio rexistrado onte ás 01.50 horas de onte no concello lucense da Fonsagrada, parroquia de San Pedro de Río, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 40 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 14 axentes, 27 brigadas, 25 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 4 avións.
CONTROLADOS
Controlado Carballedo-A Cova
Desde as 11.30 horas do domingo 24 permanece controlado o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou o xoves 21 ás 18.14 horas e no que tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa xa desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 26 axentes, 46 brigadas, 34 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.
Ourense
ACTIVOS
Activo Avión-Nieva
Desde as 17.09 horas do domingo está activo un lume no concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que afecta unha superficie estimada de arredor de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 5 técnicos, 30 axentes, 55 brigadas, 34 motobombas, 5 pas, 10 helicópteros e 8 avións.
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio
Segue activo, desde as 18.42 horas do luns 18, o lume do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 5.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 55 axentes, 97 brigadas, 42 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
Desde as 13.01 horas deste luns, día 25, permanece estabilizado na súa totalidade o lume de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos). Estes incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 182 axentes, 229 brigadas, 132 motobombas, 21 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 30 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado Larouco-Seadur
Desde as 11.25 horas do sábado 23 permanece estabilizado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 245 axentes, 319 brigadas, 253 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
Este lume continúa estabilizado na súa totalidade. O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas do venres 22, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 169 axentes, 228 brigadas, 147 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado A Mezquita-A Esculqueira
Segue estabilizado, desde as 21.20 horas do venres, día 22, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 53 axentes, 74 brigadas, 61 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Estabilizado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres día 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 6 técnicos, 114 axentes, 192 brigadas, 110 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
CONTROLADOS
Controlado Vilardevós-Vilar de Cervos
Está controlado desde as 14.56 horas de onte o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado o mércores 13 ás 18.09 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 23 axentes, 16 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 7 avións.
Controlado Montederramo-Paredes
Continúa controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 88 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Desde a Xunta de Galicia, indican que «cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais«.