O Pleno do Concello do Porriño vén de aprobar en sesión ordinaria, cos votos a favor do goberno local e os votos en contra do PSOE e BNG, o estudo de custos dun ambicioso proxecto de eficiencia enerxética, o paso previo imprescindible para iniciar o proceso de licitación.
Trátase dunha iniciativa estratéxica cun investimento estimado de preto de 10 millóns de euros, que permitirá modernizar e optimizar a xestión das instalacións eléctricas municipais ao longo dos vindeiros 20 anos.
Este proxecto desenvolverase baixo o modelo dunha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE), que será a encargada da xestión integral das instalacións enerxéticas do municipio: desde a iluminación pública exterior ata os edificios municipais, semáforos e puntos de recarga para vehículos eléctricos.
O contrato contemplará a xestión e mantemento integral das instalacións por parte da empresa adxudicataria, que asumirá tanto o mantemento preventivo como o correctivo, cunha garantía total sobre os investimentos realizados. Así mesmo, estableceranse prazos de resposta curtos ante posibles avarías e a reposición inmediata das luminarias defectuosas, garantindo a continuidade do servizo e a eficiencia operativa.
Durante a sesión plenaria, o alcalde, Alejandro Lorenzo, sinalou que «a aprobación deste estudo de custos supón un avance fundamental para impulsar un Porriño máis sostible, sen incrementar o gasto público. É importante destacar que O Porriño leva anos con moitas deficiencias eléctricas ou de iluminación nas parroquias e no casco urbano, e a actualización e ordenación deste servizo é fundamental para o seu funcionamento, aforro enerxético e sostibilidade. Cada ano caen cuadros eléctricos e moita iluminación, especialmente nas parroquias, e temos que buscar unha solución histórica. As parroquias forman parte esencial do noso municipio e merecen toda a nosa atención e coidado”.
Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Promoción e Xestión de Vivenda, Medio Ambiente e Mercados, Antía Carrera, destacou que “este proxecto vai moito máis alá da renovación do alumeado público: é unha aposta clara por un modelo de vila máis verde, eficiente e comprometida co futuro. Incorporaremos tecnoloxías que reducirán as emisións e o consumo, mellorando a calidade de vida da veciñanza e o rendemento das infraestruturas municipais”.
A maiores, o Concello do Porriño comprométese a que o pagamento anual derivado deste proxecto non supere o gasto enerxético actual. A empresa adxudicataria asumirá o investimento inicial, que roldará os 10 millóns de euros, destinados á incorporación de tecnoloxías limpas e sistemas máis eficientes. Estas melloras xerarán un aforro progresivo que permitirá autofinanciar o proxecto, sen custo engadido para as arcas municipais.