jueves, julio 24, 2025
InicioNewsComarcasAs Neves convértese na capital do viño coa nova edición da Festa...

As Neves convértese na capital do viño coa nova edición da Festa do Tinto

O Concello das Neves ultima todos os preparativos para celebrar os días 24 e 25 de xullo unha nova edición da Festa do Tinto Rías Baixas, que cumpre a súa décimo novena edición «consolidándose como un referente para a promoción dos viños tintos da Denominación de Orixe Rías Baixas», segundo indican desde a administración local.

A programación iniciouse o pasado sábado cunha andaina enoturística polo territorio vitivinícola de Rubiós, que combinou natureza, patrimonio e viño e que contou cunha excelente acollida por parte da veciñanza e visitantes chegados de diferentes puntos do país. A actividade partiu da Bodega Señorío de Rubiós despois de realizar unha visita guiada, pasando polas furnas de Ribadeira, os muíños de Xuliana e os petróglifos da Coutada, para rematar de novo na adega cunha degustación de tinto Rías Baixas acompañada dun picoteo.

A semana comezou coa charla técnica “A fertilidade do viñedo, influencia no rendemento produtivo e no equilibrio dos mostos en Rías Baixas”, impartida por Juan Carlos Vázquez Abal, enxeñeiro técnico agrícola, enólogo e analista sensorial de viños. Un encontro moi interesante no que veciños/as, viticultores e amantes do viño puideron afondar no coidado da viña e na importancia da fertilidade para garantir viños de calidade na nosa contorna.

O Mercado Municipal acolleu a ‘Cata a Cegas’ na que participaron veciños/as e visitantes chegados de diferentes puntos da provincia (Mos, Vilagarcía, Porriño, Salceda, Baiona) e incluso do país veciño, Francia. Os asistentes desfrutaron dunha experiencia sensorial única na que descubriron os viños tintos da DO Rías Baixas, tradicionalmente menos coñecidos que os seus afamados albariños. A través dun formato innovador inspirado nas catas sensoriais, os participantes degustaron cinco tintos elaborados con uvas autóctonas como Sousón ou Espadeiro de adegas como Señorío de Rubiós, Attis ou Terra de Mareas, empregando antifaces para anular a vista e potenciar o resto dos sentidos: recibiron copas ergonómicas, escoitaron a historia dos viñedos atlánticos, identificaron aromas florais e minerais, e analizaron en boca a acidez viva, os taninos suaves e o carácter do terruño.

Podes escoitar a entrevista co alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, aquí:

Programación

O xoves 24 de xullo abriráse a festa ás 19:00 horas con obradoiros infantís no Mercado Municipal. A inauguración da festa terá lugar a partir das 20:00 horas na praza Maior, na que os membros do Goberno estarán acompañados por Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, na que se levará a cabo o tradicional corte de cinta e brinde.

A música desta primeira xornada correrá a cargo das “Pandereteiras de Vide” (20:00 horas), o grupo “Son das Tabernas” (22:30 horas) e o DJ “Pitty” (01:00 horas). A actividade enogastronómica do día será a Cea Maridaxe, que consistirá en degustar catro platos con catro viños tintos que maridan á perfección (tosta de requeixo con tomate cherry confitado ao romeu e decorada con alfábega, salmorejo con lascas de bacallau mariñado con laranxa e po de olivas negras, cazola de arroz con esencia mediterránea e xeado de requeixo e viño tinto). 

A programación do 25 de xullo abrirase ás 11:00 horas coa recepción de Cofradías e autoridades na Casa do Concello, onde estarán presentes o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte; a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel; a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira; e representantes das cámaras municipais de Melçao e Monçao. Nesta edición recibiranse ás seguintes confrarías: Cofradía do Tinto Rías Baixas, Confraría dos Viños das Rías Baixas, Cofradía do Centolo Larpeiro (O Grove), Cofradía da Orden do Caldo de Mourente, Cofradía do Viño Condado do Tea e Espumosos, Asociación Cultural Gastronómica Boton de Anlca (Marín), Orden de la Cigala de Vigo, Cofradía del Pulpo de Galicia (Pontevedra), Cofradía de la Anchoa de Santoña (Cantabria), Fiesta de la Cigala de Vigo, Real Confraría do Viño Alvariño Monçao Melgaco, Real Cofradía dos Viños Verdes Tintos (Monçao), Cofradía del Corderu a la Estaca (Asturias) e Cofradía O Galo de Barcelos.

Antes de desfrutar do pregón, a banda de gaitas “Os Atrancalevadas” dinamizarán a mañá co seu pasarrúas. 

Ás 12:30 horas, chegará a quenda do pregón. Neste acto intervirán a concelleira de Turismo, Ana Belén Rodríguez, e o alcalde, José Manuel Alfonso, que darán paso a continuación ao actor, guionista e monologuista Federico Pérez Rey, que será o encargado de dar o pregón para toda a veciñanza e visitantes. A mañá rematará co irmandamento do Tinto Rías Baixas co Tinto Sumius, ubicado na Rexión do Viño Verde, a maior e unha das máis antigas Denominacións de Orixe de Portugal. Neste acto, que terá lugar na carpa, participarán María Soledad Álvarez, presidenta da Cofradía Tinto Rías Baixas e Xavier Ferreira, xerente Adegas Sumius.

Pola tarde, a partir das 17:00 horas haberá actividades acuáticas infantís e música para todos os gustos: ás 18:30 horas actuará a “Charanga A Sorcha”, ás 22:30 horas desfrutaremos coa actuación de Susana Seivane. Ás 23:30 horas terá lugar no aparcadoiro do colexio o festival “Requesound”, un evento dedicado á música DJ, cun cartel comandado por Jorge Cremades, o recoñecido DJ e showman nacional, que estará acompañado por nada máis e nada menos que Dumore, Groove Amigos, Muiños, Manu Pérez, DJ Crazy e o speaker show de Pau D’Afonso.

Como novidade desta edición, a organización habilitará na carpa principal un punto de recollida de corchos, aberto tanto ás adegas participantes como ás persoas visitantes. Ao remate da festa, os corchos recollidos serán intercambiados por camelias, que posteriormente se plantarán nas diferentes parroquias do municipio. Con esta iniciativa, o Concello de As Neves quere fomentar a reutilización e dar un paso máis na súa aposta pola sostibilidade, a beleza das contornas rurais e a promoción da camelia, unha flor de gran valor ornamental e simbólico na vila, na comarca e na provincia. “Queremos que cada botella compartida deixe tamén un rastro de vida e cor nas parroquias de As Neves”, sinalou o alcalde.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS