O Bloque Nacionalista de Vigo pide designar a Porta do Sol como “Lugar de Memoria” para honrar ás victimas do franquismo. Neste contexto, demanda a instalación dunha placa explicativa no lugar no que o 20 de xullo do 1936 os golpistas proclamaron o Estado de Guerra e “dispararon contra a veciñanza causando máis de 20 mortos e medio cento de persoas feridas”, segundo explican os nacionalistas da cidade olívica.
Así, o BNG insta a “constituír unha Comisión para a Memoria Democrática no Concello desde a que avanzar na retirada de toda a simboloxía fascista, comenzando pola cruz franquista do Castro”. O voceiro, Xabier P. Igrexas, indica que “a memoria democrática é o mellor antídoto á manesia, a máis potente vacina contra o virus do odio que alenta. aínda a día de hoxe, a dereita ultraespañolista e reaccionaria”.
O portavoz municipal nacionalista criticou a actitude do Goberno municipal de Abel Caballero, “que se negou a avanzar na recuperación e visibilización da memoria histórica na cidade”. Un exemplo desta inacción foi “impedir a retirada da cruz franquista do Castro, inaugurada polo propio ditador na, daquela denominada, praza da División Azul”.
Comisión para a Memoria Democrática
Neste contexto, o BNG propón a creación dunha Comisión para a Memoria Democrática no Concello de Vigo, con dous grandes obxectivos: avanzar na retirada completa de toda a simboloxía franquista e impulsar a recuperación da memoria histórica. “Non abonda con realizar cada ano un pequeno acto ritual de recoñecemento en Pereiró”, afirmou Igrexas.
“A mellor homenaxe a Emilio Martínez Garrido, a José Antela Conde e a tantos e tantas asasinadas e represaliadas polo fascismo, é actuarmos para retirar da nosa cidade todos os vestixios e símbolos dos seus asasinos que permanecen nas nosas rúas e edificios públicos”, subliñou.
Para Igrexas facer da Porta do Sol un Lugar de Memoria é “un acto de dignidade democrática e un primeiro paso imprescindíbel para retomar con determinación o camiño da verdade, xustiza e reparación”

