miércoles, julio 16, 2025
InicioNewsA Xunta fíxase como obxectivo chegar este ano ás 90.000 persoas dependentes...

A Xunta fíxase como obxectivo chegar este ano ás 90.000 persoas dependentes atendidas

A Xunta márcase como obxectivo no ámbito da dependencia chegar ás 90.000 persoas
con servizo ou prestación este mesmo ano. Na actualidade, Galicia supera as 84.000
persoas atendidas
, o que representa unha suba do 12 % nos últimos doce meses, a máis
elevada no conxunto de España, e sitúa a ratio de cobertura na nosa comunidade no
98,6%.

Estes datos expuxéronse no Consello da Xunta desta mañá, no cal se deu conta dun novo informe de seguimento do Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade que se está a desenvolver desde o pasado mes de xaneiro. No primeiro semestre do ano resolvéronse favorablemente 42.559 expedientes, un 95 % máis que no mesmo período do 2024. En concreto, o informe indica que en dependencia hai 12.557 novas persoas atendidas, un 65 % máis, e en discapacidade emitíronse 30.002 resolucións favorables, é dicir, un 110 % máis.

Estes datos son resultado das medidas que se adoptaron neste tempo para mellorar a
atención
e que puxeron o foco na simplificación administrativa e no reforzo do persoal. No que atinxe á redución da burocracia, nos últimos catro meses implantouse a valoración automática das persoas con grao III de dependencia a todas aquelas que co seu expediente e os informes de saúde se deduza claramente que teñen ese grao. Isto permite que sexan os técnicos os que ditaminan de maneira directa, polo que se evitan desprazamentos, esperas e papelame.

Ademais, estase a valorar a dependencia directamente nas residencias públicas a cargo
do persoal sanitario, polo que non teñen que acudir os técnicos dos departamentos
territoriais. Outra medida que deu máis celeridade ao proceso é o protocolo de colaboración asinado co Servizo Galego de Saúde (Sergas), que lles permite aos servizos de dependencia solicitar de oficio os informes de saúde necesarios para realizar as valoracións.

Reforzo de persoal

No capítulo de persoal, creáronse tres novas unidades de valoración nas comarcas do Barbanza, na do Eume e na de Bergantiños. Así mesmo, desde o pasado mes de febreiro contratáronse once profesionais na área de dependencia dos departamentos territoriais e fortaleceuse a unidade de contratación da dependencia dos servizos centrais coa incorporación de catro técnicos no servizo de emerxencias sociais.

O Plan tamén afondou neste semestre noutras melloras que repercutiron favorablemente na atención. Así, ampliouse o sistema de citación automatizado a través de mensaxes no móbil a concellos que superan os 10.000 habitantes. Este modelo aplicouse primeiro para ás sete grandes cidades e despois estendeuse a concellos de 20.000 habitantes.

Tamén se seguiu coa formación continua do persoal dos servizos de dependencia e
discapacidade nos departamentos territoriais, así como do persoal sanitario das residencias públicas, e mantense o plan de produtividade con incentivos.

O obxectivo da Xunta é seguir traballando nesta liña para chegar a un maior número de persoas. Para isto, é necesario que o Goberno central cumpra coa Lei de dependencia, pois apenas financia o 35 % dos custos dos servizos, moi lonxe do 50 % a que está obrigado. Este déficit no financiamento con Galicia contrasta co acordo bilateral ao cal o Executivo central chegou co País Vasco para sufragar, só nese territorio, o 50 % da dependencia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS