O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprobou este venres en Salvaterra de Miño o remate da reforma urbana executada na contorna da rúa das Forcas. O mandatario provincial percorreu un treito deste reformado espazo público que é froito da colaboración entre os gobernos provincial e local e supuxo o investimento de 540.000€, financiados ao 100 % pola Deputación a través do programa PON2030, cunha achega de 430.000€; e a través do +Provincia cun aporte de 110.000€ para cubrir a parte que lle correspondería ao Concello.
“En decembro do 2023 asinamos o convenio para facer unha actuación que daquela xa se deducía que era estratéxica. Hoxe, co resultado final, non hai máis que dar os parabéns á alcaldesa polo acerto de escoller un proxecto que transforma a vila. Antes esta rúa era un atallo, agora é un viario de preferencia peonil que comunica ao pobo”, salientou o dirixente, quen visitou este novo espazo acompañado pola alcaldesa, Marta Valcárcel.
A intervención, completamente rematada, centrouse no ámbito da Rúa Forca e da Avenida Rosalía de Castro onde se executou unha reforma urbana que permitiu a humanización de todo espazo, a través da ampliación das beirarrúas, a redución da calzada, a limitación do tráfico rodado e a mellora da imaxe e os servizos da rúas con nova iluminación, renovación das redes soterradas de telecomunicacións, electricidade, saneamento e abastecemento, así como a instalación de novo mobiliario urbano. “A veciñanza xa ten a súa disposición un novo servizo que mellora a súa calidade de vida”, salientou o presidente Luis López.
Neste sentido, o mandatario provincial lembrou o inicio desta obra, que comezou en decembro do ano 2023 coa sinatura do convenio de colaboración do programa PON2030 entre os dirixentes provincial e municipal e inaugurouse este venres, en tempo e forma, ano e medio despois daquela sinatura. Un feito polo que Luis López quixo poñer en valor o traballo da rexedora e o seu equipo de goberno. “Falamos dun proxecto complexo, pero cando ao outro lado da mesa está unha persoa coma Marta, eses proxectos complexos acaban sendo moi doados”, recoñeceu o presidente.
Máis proxectos en Salvaterra de Miño
Ademais, a colaboración entre a Deputación e o Concello de Salvaterra de Miño non se limita unicamente á humanización desta Rúa da Forca, para este ano 2025 o organismo provincial ten previstos investimentos en por valor de 2,2 millóns de euros a través de proxectos vinculados ao plans de Cooperación como o +Provincia, o Plan Extra ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.