O presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, vén de asinar o decreto de nomeamento da nova conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, tras a dimisión de Alfonso Villares Bermúdez, ao que lle agradeceu «o seu traballo e dedicación e desexou a pronta resolución da súa situación», segundo indica a administración autonómica nun comunicado.
Marta Villaverde era, desde abril de 2024 e ata hoxe, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Previamente, e tamén na mesma Consellería, fora subdirectora xeral de Pesca e Mercados da Pesca (de maio de 2019 a abril de 2023) e subdirectora xeral de Valorización dos Produtos do Mar, (de abril de 2023 ata abril de 2024).
Licenciada en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela, é funcionaria de carreira do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, grupo A, dende o 2006. Traballou ate novembro de 2012 como inspectora veterinaria de Saúde Pública nos servizos centrais da Consellería de Sanidade. Foi e subdirectora xeral de Valorización dos Produtos do Mar dende abril do 2023 ate a actualidade.
Desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional vinculada ao sector primario galego, tanto no sector do Mar como no Medio Rural, ocupando traballos vinculados como Facultativa Veterinaria entre o 2001 e o 2006 e como xefa de área de Seguridade Alimentaria de 2014 a 2016. Despois, desempeñou labores de Inspección Pesqueira no Servizo de Inspección e Control dos Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia dende finais de 2012 ate abril de 2014.
A nova conselleira do Mar tomará posesión mañá, xoves 5 de xuño, ás 9,30 horas no Pazo de Raxoi.