A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse hoxe no Concello con Carlos Cao, director de Infraestruturas e Relacións Institucionais do RC Celta, e co arquitecto Javier Rivas, acompañados polo técnico de urbanismo municipal, o arquitecto municipal, e o secretario municipal.
A Xunta de Goberno local acordará na vindeira sesión a aprobación inicial dos proxectos de urbanización do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de Galicia Sports 360- Factoría del Deporte Gallego. Por outra banda, o RC Celta tamén presentou para a súa aprobación as oportunas licencias relativas ás obras de explanación do PIA para a súa tramitación por parte do Concello de Mos para poder dar inicio no prazo máis breve posible ás obras na Cidade Deportiva Afouteza.
Javier Rivas explicoulle a Nidia Arévalo as fases previstas de execución para o proxecto, divididas en tres chanzos, coa intención de arrincar coa primeira fase de forma inminente.
O Consello da Xunta de Galicia aprobou o pasado 14 de abril de maneira definitiva o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento do Galicia Sports 360 do RC Celta que dá continuidade á Cidade Deportiva Afouteza. Esta aprobación do PIA no Consello da Xunta significaba que as obras poderían comezar de maneira inmediata. Ademais, o Diario Oficial de Galicia publicaba o 14 de maio a aprobación definitiva do proxecto.
Declaración de Interese Autonómico
Foi no 2022 cando o Real Club Celta presentou solicitude de declaración de interese autonómico para Galica Sports 360º en Mos, que ese mismo ano era declarado de interese autonómico polo Consello da Xunta de Galicia. En maio de 2023 resolveuse a avaliación ambiental e en xullo de 2023 acordouse aprobar inicialmente o proxecto, co que o clube celeste pretende revolucionar a industria do deporte galego e impulsar o seu crecemento.
O propio Carlos Cao presentaba ao remate do Pleno Ordinario do Concello de Mos do 31 de marzo, no apartado de Resolucións e Comunicacións, o novo proxecto do clube celeste, o Galicia Sports 360, onde daba a coñecer en detalle a nova dotación deportiva, de investigación, innovación e formación. O Galicia Sports 360º contará tamén con servizos de restauración, e como xa se dixo, hotel para diferentes programas deportivos desenvoltos no complexo. Tamén inclúe áreas de aparcamento e espazos libres naturais.
A inversión prevista para o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de Galicia Sports 360- Factoría del Deporte Gallego ascende a 110 millóns de euros e co que se actuará nunha superficie de 242.168 m2. Incluirá a xa existente Cidade Deportiva Afouteza e, a maiores, Universidade do Deporte, Colexio internacional, Centro de alto rendemento médico, Centro demostrador e tecnolóxico, Centro de eventos e conferencias, Miniestadio, residencia e hotel.
