jueves, mayo 22, 2025
InicioNewsActualidadeProcesión de chimpíns, o filme de Castelao ou videoclips protagonizarán este xoves...

Procesión de chimpíns, o filme de Castelao ou videoclips protagonizarán este xoves 22 o Festival de Cans

A segunda xornada do Festival de Cans 2025 inaugura os coloquios e encontros con profesionais que se desenvolverán ao longo de todo o certame. A xornada contou durante a mañá deste mércores 21 de maio coa celebración dun coloquio, patrocinado pola Fundación AISGE, no que participaron os actores Adrián Ríos, Sabela Hermida, Isabel Blanco e o membro de Aisge Francisco Jiménez. 

Os participantes reflexionaron sobre o presenza da muller en pantalla no audiovisual galego. Isabel Blanco fixo fincapé na «calidade dos papeis das actrices comparado cos papeis dos actores», Adrián Ríos subliñou a «precariedade» dos compañeiros do sector e Sabela Hermida denunciou os «estereotipos dos papeis aos que se enfrontan elas». 

Tamén este mércores tivo lugar un encontro cos máis cativos onde mulleres do audiovisual galego deron a coñecer oficios invisíbeis. A directora de fotografía Alicia Francés falou cos rapaces sobre profesións normalmente invisibilizadas. 

A xornada continúa coa Noite dos Veciños e o comezo das proxeccións da Sección Oficial coas curtas de Novas Camadas do Festival de Cans 2025, onde se descobren talentos emerxentes do audiovisual galego e se proxectan os traballos das creadoras e creadores menores de 25 anos que realicen a súa primeira obra. 

Homenaxe a Adriano Campos e Alicia

Pola noite está prevista en Cans a Noite dos Veciños, na que se colocará no Muro don Chimpíns unha placa homenaxe ao veciño Adriano Campos. Tamén haberá momentos emotivos na lembranza e homenaxe á señora Alicia, unha das veciñas máis emblemáticas da aldea e que faleceu o pasado mes de xaneiro en Santiago de Compostela uns días antes de cumprir 97 anos. 

Documental sobre o acidente de bus en Cans

Tamén esta noite terá lugar a estrea do documental 26 de febreiro de 1955. O proxecto colectivo Cans 303, coordinado polo cineasta Juanma Lodo, realizouse sobre o accidente que marcou á aldea e no que 31 persoas faleceron ao incendiarse un autobús en 1955. O equipo do documental rescatou un histórico cantar de cego arredor desta traxedia que os cegos cantaban de feira en feira, e que será musicado por Pancho Álvarez, multiinstrumentista que formou parte do núcleo fundacional do grupo folk “Na Lúa”, e na actualidade forma parte da banda de Carlos Núñez. 

Estrea do filme Antes de nós e coloquio no Torreiro

Este xoves 22 de maio terá lugar a apertura oficial do Festival de Cans 2025 no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño coa estrea do filme Antes de nós, de Ángeles Huerta arredor dunha etapa decisiva da vida de Castelao. A estrea estará arroupada polos protagonistas do filme Cris Iglesias e Xoán Fórneas ademais da directora Ángeles Huerta e a productora Zaza Ceballos, que pola mañá realizarán un coloquio co público ás 13 h no Torreiro de Cans. 

Antes de nós, participada por CRTVG, é un retrato íntimo e emocional de Castelao. A historia céntrase en dous momentos clave da súa vida: o seu labor como médico durante a pandemia de gripe de 1918 e a viaxe a Bretaña en 1929 coa súa esposa, tras a dolorosa perda do seu fillo Chuchiño.

O programa deste xoves tamén ofrecerá ás 19:00 horas s a proxección do filme Prefiro condenarme, de Margarita Ledo, coa presenza da directora e unha das actrices protagonistas Mónica Camaño, a Noite Lasal de videoclips que contará coa actuación do grupo Carabela, gañador do premio Narf da Deputación da Coruña e máis coloquios e encontros entre outras actividades. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS