A Xunta de Galicia abrirá o luns 26 o prazo para que a mocidade de entre 18 e 30 anos presente as solicitudes para participar no intercambio xuvenil na Prefectura de Wakayama, no Xapón, cuxo Camiño Kumano está irmandado co de Santiago. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa A xuventude no mundo organizado ao abeiro das relacións bilaterais que o Goberno galego mantén con entidades doutros países. Trátase da terceira edición deste programa.
Cando é o intercambio con Xapón?
Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca 15 prazas para unha estadía que terá lugar do 7 ao 12 de setembro co obxectivo de facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas, a comprensión da diversidade cultural e favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais de cara ao desenvolvemento persoal dos mozos e mozas.
Como inscribirse?
Para inscribirse nesta proposta, dirixida á mocidade residente en Galicia que non participara noutro intercambio ao mesmo país dentro deste programa, as persoas interesadas poden consultar a información no portal de Xuventude. Neste senso, o procedemento levarase a cabo mediante un formulario electrónico que estará dispoñible desde o 26 de maio ás 14: 00 horas ata o 30 de maio, ou ata esgotar as prazas.
A admisión, sempre que se cumpran os requisitos, realizarase por orde de inscrición ata cubrir o total da oferta.