O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no Foro Empresarial do Porriño, onde puxo en valor o papel do concello como referente industrial e como exemplo dunha Galicia descentralizada, competitiva e con capacidade de xerar riqueza desde o territorio: “Os que o fan mellor que outros, conseguen mellores resultados. E este equipo faio moi ben. Así que de O Porriño hai que presumir. Hai centros industriais moi potentes, pero como este, poucos”, resaltou.
Durante o acto, Rueda sinalou que O Porriño conta xa cun ecosistema empresarial consolidado, no que destacan máis de 2.200 empresas e máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado. Ademais, cada vez teñen máis peso no concello sectores como a automoción, a biotecnoloxía, a pedra natural e a loxística, factores que contribúen ao dinamismo económico e á creación de emprego estable na localidade.
O titular do Goberno galego tamén valorou a aposta do Concello pola cooperación público-privada, reflectida na súa integración na Rede de Concellos Emprendedores e na posta en marcha dun Foro que integra aos principais axentes económicos da comarca: industrias, comerciantes, hostaleiros e autónomos. “Nós seguiremos buscando cumprir con todos vós, e para iso é moi importante estar asociados”, sinalou Rueda.
O presidente apuntou á actividade do Porriño como unha demostración da fortaleza económica galega, reflectida nos indicadores da Comunidade, onde destacan o crecemento do PIB galego nun 2,8% durante o 2024 e unha previsión de descenso da taxa de paro ata o 9,1% en 2025. Así mesmo, subliñou que, no primeiro trimestre deste ano, a economía rexional medrou un 3,4% interanual, impulsada sobre todo polo turismo.
Rueda tamén salientou o esforzo da Xunta por mellorar os parques empresariais a través de liñas de apoio por valor de 4,8 millóns de euros. No caso concreto do Porriño, investíronse máis de 700.000 euros nos últimos quince anos en melloras de infraestruturas e servizos.
O xefe do Executivo autonómico reafirmou o compromiso da Administración cun modelo de Galicia equilibrado territorialmente, «no que cada comarca achega valor ao conxunto, atraendo investimento, xerando emprego e liderando o desenvolvemento industrial. “Non podemos perder oportunidades». Esa oposición, dixo o presidente, por sistema a atraer industria non funciona. Hai que darse conta de que o que non queiramos nós, están desexando collelo outros. Todo o que cumpra, sendo moi esixente, nós imos darlle para diante”, resaltou Rueda.
Encontro coas empresas do Porriño
O evento contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, recibido polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz Álvarez, o presidente da Entidade Urbanística do Polígono da Granxa, Indalecio Cuevas, así como por representantes de diferentes entidades empresariais da provincia de Pontevedra.
Durante a súa intervención, Cuevas destacou que “xuntos camiñaremos mellor cara a ese compromiso de investimento, crecemento e valores que a industria necesita”, e agradeceu ao Concello “a súa colaboración na creación deste foro imprescindible para unirnos ante as institucións”. Entre as demandas expostas, subliñou a necesidade da gratuidade do servizo de transporte Puxeiros–Tui para os traballadores, así como a necesidade de desconxestionar as comunicacións con Vigo e de facer realidade a cidade do transporte, pendente dende hai máis de doce anos.
Tras a proxección dunha reportaxe cos datos socioeconómicos do municipio, o alcalde Alejandro Lorenzo puxo en valor o peso industrial do Porriño, “é o pulmón industrial de Galicia; do que temos que presumir”, e explicou que o seu compromiso coa industria foi claro dende o primeiro día: “Cando cheguei á alcaldía comprometinme cos empresarios a que O Porriño debía ser un Concello Emprendedor. Hoxe xa o é”. Isto tradúcese en prioridade para subvencións, melloras nos polígonos e beneficios directos para as empresas. “Mentres outros concellos soben impostos, O Porriño os bonifica”, subliñou.
Sobre o Foro Empresarial, Lorenzo indicou que se trata dunha iniciativa fundamental que terá todo o apoio e colaboración institucional do goberno local: “O Foro permitirá unha interlocución directa e eficaz coas administracións para mellorar a competitividade da nosa industria, do comercio e dos demais sectores produtivos. Dende o Concello estaremos sempre ao lado de todo o que contribúa a que O Porriño siga medrando con forza”, afirmou o rexedor.
Pechando o acto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa industria e co tecido empresarial: “As empresas necesitan das administracións, pero as administracións tamén necesitan das empresas. O Porriño é un núcleo estratéxico que non pode perder oportunidades, e desde a Xunta seguiremos apoiando o seu desenvolvemento porque aquí hai talento, esforzo e futuro”, declarou.















O evento concluíu cun espazo de networking distendido na arboreda, no que os asistentes puideron intercambiar ideas mentres degustaban viño galego e os tradicionais callos do Porriño, símbolo gastronómico da identidade local. Ao redor de 250 empresarios e empresarias participaron nesta xornada que consolidou ao Porriño como un referente no desenvolvemento económico de Galicia.