Luns, Febreiro 9, 2026
HomeNewsRueda reivindica o modelo galego de xestión sostible e reafirma o apoio...

Rueda reivindica o modelo galego de xestión sostible e reafirma o apoio da Xunta ao sector agrario

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o modelo de xestión sostible que existe en Galicia e reafirmou o apoio do Goberno galego a todo o sector agrario.

Durante a súa visita ás instalacións da empresa Gestora de Subprodutos de Galicia (Gesuga) con motivo da inauguración da súa nova plataforma loxística, Rueda valorou o papel clave desta “industria responsable” na xestión de subprodutos cárnicos non destinados ao consumo humano, un servizo esencial “para que a gandaría poida seguir tendo futuro e seguir evolucionando”. Neste sentido, o titular do Executivo galego destacou a importancia de que “os galegos saibamos que o que era un problema se resolveu de forma óptima”.

Na súa intervención, o presidente sinalou a importancia dos postos de traballo xerados e da nova instalación para a empresa, modélica, moderna e “delicada”, que “ten que ter todas as garantías”, baseada na “economía circular” e que “non deixa de investigar para ser máis sostible”. Nesta liña, Rueda apuntou que o Goberno galego debe traballar para atraer empresas que “crean riqueza en Galicia“, ao tempo que é “absolutamente esixente desde o punto de vista medioambiental”.

A compañía é a encargada do servizo de recollida, transporte e eliminación de animais mortos en explotacións gandeiras, un contrato que a Xunta asinou coa entidade en 2015 e que foi recentemente prorrogado ata setembro de 2026. Ademais, o Goberno galego apoia esta actividade con máis de 1,6 millóns de euros en axudas para mellorar a capacidade operativa da empresa entre 2018 e 2023.

Na última década, Gesuga retirou e procesou preto de 580 millóns de quilos de subprodutos, ademais de 790 millóns de quilos de animais mortos en explotacións bovinas, porcinas, avícolas, cunícolas, equinas, ovinas, caprinas e de piscifactoría.

Neste contexto, a Xunta lembra a importancia do seguro agrario como ferramenta clave para garantir a estabilidade das explotacións. O Goberno galego mobilizará 9,5 millóns de euros en 2025, un millón máis que o ano anterior, para fomentar a súa contratación.

Este modelo inclúe tamén liñas de indemnización polo sacrificio obrigatorio de animais e axudas á reposición de gando, contribuíndo a manter vivas e competitivas as explotacións afectadas por episodios sanitarios.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS