martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsActualidadeA Real Academia Galega busca a palabra do ano 2024

A Real Academia Galega busca a palabra do ano 2024

A busca da Palabra do Ano pretende implicar a cidadanía na identificacións de vocábulos que sinalen temas destacados na conversa pública dos últimos meses, que resuman como se viviron colectivamente, que garden relación ou dean nome a algunha nova preocupación ou fenómeno, ou mesmo que subliñen arelas colectivas coas que dicir adeus ao tempo que remata e recibir o que comezará en breve con nova ilusión. Así o asegura a Real Academia Galega, a institución que vela polo idioma e que anuncia que esas voces poden ser tanto voces tradicionais da lingua galega coma neoloxismos e sintagmas nominais non rexistrados do Dicionario da Real Academia Galega.

Tal e como explican nun comunicado, o proceso consta de tres fases. Na primeira, aberta ata as 23:59 horas do domingo 8 de decembro, o Portal das Palabras escoitará as suxestións das persoas que as presenten a través da sección da Palabra do Ano 2024 de portaldaspalabras.gal. O mércores 11 de decembro anunciaranse as voces finalistas e comezará asemade a fase de votación telemática, que permanecerá aberta ata o mércores 25 de decembro ás 23:59 horas. A Palabra do Ano darase a coñecer nos últimos días do 2024. 

Que é o Portal das Palabras?

O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. 
Dende 2014, o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas cibercarracho (2023) comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Dentro das iniciativas compartidas para a difusión da lingua, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ademais do Portal das Palabras ofrecen ao público a aplicación de xogos do Dicionario, o Ximnasio Léxico, dispoñible para dispositivos Android e iOS

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS