O Concello do Porriño saca a licitación a construcción de dúas novas escolas infantís no municipio, concretamente nas parroquias de Budiño e Pontellas, cun orzamento base superior aos 1,7 millóns de euros.
Este investimento «responde ao compromiso da administración local de ampliar as prazas de educación infantil no municipio, especialmente nas áreas rurais, onde hai unha gran demanda e a conciliación é máis complicada para as familias» aseguran dende o goberno local.
A nova escola infantil de Budiño está proxectada nunha parcela próxima ao Polígono Industrial da Granxa, no núcleo de San Salvador de Budiño e estará dividida en dúas naves: unha destinada a tres aulas e ao acceso principal, e outra para as instalacións xerais, incluíndo unha sala multiusos, un patio exterior e tres aulas adicionais.
Co fin de protexer aos nenos da contorna industrial lindante, o proxecto contempla unha barreira verde composta por arboleda, creando unha separación natural entre a área de xogos e a última nave do polígono.
A parcela na que se ubicará o centro educativo ten un total de 3.460 metros cadrados, cunha edificabilidade de 527,22 m² e a súa construcción requirirá un investimento de 946.000 euros.
Por outra banda, a antiga escola unitaria de Pontellas que actualmente se encontra en desuso será rehabilitada e ampliada para converterse no centro de educación infantil de Pontellas.
A nova escola albergará cinco aulas, para o que se construirá unha ampliación con dúas novas ás que crecerán cara ao patio posterior. A zona central contará cunha cociña e despensa con acceso independiente, unha sala multiusos e oficinas.
«A intervención deseñouse para poñer en valor o edificio, optimizando a súa funcionalidade sen perder a súa esencia histórica» afirma o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. Este proxecto ocupará unha superficie total de 427 m² e requirirá un investimento de máis de 772.000 euros.
Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de ambos os proxectos xa que “ampliar o número de prazas de educación infantil responde a unha necesidade real, especialmente nas parroquias, onde moitos nenos e nenas carecen deste recurso preto das súas casas. É unha aposta polo futuro, polos nosos máis pequenos, e polo crecemento do noso rural”.