martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcas“Contos que curan”, o proxecto de biblioterapia infantil da Biblioteca do Porriño

“Contos que curan”, o proxecto de biblioterapia infantil da Biblioteca do Porriño

Ante o crecente desafío dos trastornos mentais na infancia, o programa impulsado polo Concello busca desestigmatizar e proporcionar ferramentas de apoio a familias e educadores a través da lectura

Nun contexto social no que os problemas de saúde mental infantil están en aumento, a Biblioteca do Porriño posiciónase como un punto de apoio. Así mesmo, axudará ás familias co seu proxecto de biblioterapia “Contos que curan”. Este innovador programa ten como obxectivo axudar a previr, identificar e xestionar diversos trastornos que afectan a nenos de entre 3 e 12 anos.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) enfatizou a importancia de actuar desde a infancia para facer frente a estes desafíos. Ademais instou a gobernos, institucións e á sociedade en xeral a colaborar na creación dun entorno máis saudable e comprensivo. A Biblioteca do Porriño únese a esta causa creando unha ferramenta que combina a maxia da lectura coa necesidade de apoio emocional da cativada.

«Contos que curan» componse dunha serie de boletíns temáticos que ofrecerán unha coidada selección de contos de ficción. Estes estarán clasificados e recomendados para axudar a pais, nais, educadores e profesionais da saúde no seu labor de mediación terapéutica. Cada boletín incluirá información bibliográfica completa dos contos seleccionados, con recensións críticas que destacan a súa relevancia na xestión de temas sensibles. Este tipo de temática fai referencia á xestión da morte e duelo dun ser querido, o bullying ou acoso escolar, a timidez e fobia social, o sono e o medo á escuridade, ou a desestigmatización e normalización da neurodiverxencia.

“A lectura pode ser unha poderosa ferramenta de sanación e «Contos que curan» será ese espazo no que as familias e os nenos e nenas atopen comprensión e empatía”, explicou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. “Gustaríame convidarvos a todos e todas a participar desta iniciativa coa que non solo queremos desestigmatizar e axudar á cativada, senón crear un futuro máis xusto e alentador para eles”, completou.

Primeiro boletín: “Morte e duelo”

O primeiro boletín, titulado «Morte e duelo», lanzarase este mes, coincidindo coa semana de Todos os Santos. Esta publicación non só estará dispoñible de maneira física, senón que tamén se difundirá dixitalmente, chegando a todo aquel que poida beneficiarse deste recurso.

A morte representa a experiencia máis incomprensible para o ser humano e nesas datas estará moi presente nas vidas dos pequenos. Aos nenos cústalles máis entendela. Moito máis, porque non están aínda preparados para comprender que é algo inevitable, irreversible e permanente.

Lerlles contos axeitados pode facilitar as cousas, porque os contos non curan por si mesmos, pero poden axudarnos a axudarlles. Por iso neste boletín propoñeranse unha selección de lecturas axeitadas. Historias que abordan a morte e o loito desde distintos puntos de vista para distintos grupos de idade.

O compromiso da Biblioteca de Porriño non pasa desapercibido. O seu proxecto foi seleccionado para participar nas III Xornadas Internacionais sobre compromiso social e biblioteca da Fundación Alonso Quijano, unha iniciativa que busca visibilizar iniciativas de inclusión social en bibliotecas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS