martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas entra nun proceso de modernización e mellora de captación de fondos...

Ponteareas entra nun proceso de modernización e mellora de captación de fondos públicos

O Goberno local presenta "Estratexia Ponteareas 2030", unha folla de ruta con 32 actuacións arredor de 5 grandes obxectivos que permitirán dinamizar o municipio e adecuarse aos retos presentes e futuros

O Concello de Ponteareas conta xa cunha folla de ruta para o desenvolvemento urbano e o progreso socioeconómico nos vindeiros anos. A alcaldesa Nava Castro, acompañada pola concelleira de Urbanismo e Axenda 2030, Silvia Fernández, presentou as liñas principais da Estratexia Ponteareas 2030. Tamén estivo presente neste acto a deputada provincial de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital da Deputación de Pontevedra, Belén Cachafeiro.

Silvia Fernández, concelleira de Urbanismo e Axenda 2030 destacou “a necesidade que tiñamos de contar cunha estratexia adaptada aos retos actuais, pero tamén aos que veñen. Sobre todo en materia de desenvolvemento urbanístico, económico, de aproveitamento e posta en valor dos nosos recursos naturais e culturais. Todo para garantir un futuro equilibrado para todos os cidadán e as cidadás”.

Pola súa banda, a deputada provincial de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital, Belén Cachafeiro, salientou “a importancia de que os concellos conten con plans estratéxicos de innovación para estar en posición de captar fondos públicos cos que desenvolver as súas actuacións. Ponteareas é un dos primeiros concellos en estar preparado”, destacou.

Segundo a alcaldesa, Nava Castro, a Estratexia Ponteareas 2030, “é un documento no que se analizan as eivas e as fortalezas e que demostra que somos un concello dinámico e con moitas posibilidades se somos capaces de encamiñar as actuacións. O documento levarase ao seguinte Pleno municipal para estar preparados de cara á captación da vindeira convocatoria de fondos”, indicou Castro.

Estratexia Ponteareas 2030

O plan consta de 32 actuacións que se artellan arredor de cinco grandes liñas estratéxicas identificadas como prioritarias para o desenvolvemento sostible do municipio. A primeira é a sostibilidade ambiental, a través da xestión eficiente de recursos naturais e culturais e a implementación da infraestrutura verde municipal. A equidade territorial entre o rural e o centro urbano mediante políticas de mellora dos servizos públicos, é a segunda para que todos os veciños e veciñas conten cos mesmos servizos.

‘Ponteareas, un lugar para vivir’, o nome que leva a terceira liña, debulla as actuacións que perseguen a mellora de espazos públicos e edificacións, especialmente no casco vello, así como diversas actuacións para garantir e impulsar a cohesión social e o desenvolvemento económico que ofreza oportunidades para todos.

As dúas últimas liñas recollen medidas tendentes á mellora dos servizos municipais garantindo a súa accesibilidade e calidade para todos os veciños e veciñas. E finalmente, a última liña, con medidas de impulso á transformación tecnolóxica e á redución da fenda dixital.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS