sábado, diciembre 7, 2024
InicioO PaísA CoruñaO 112 cifra en 371 as incidencias ocasionadas polo temporal

O 112 cifra en 371 as incidencias ocasionadas polo temporal

As estradas galegas enchéronse dende a tarde de onte de árbores e ramas debido ás fortes rachas de vento e as intensas choivas que chegaron á comunidade galega tras o paso do temporal Kirk por Galicia.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia rexistrou, entre as últimas horas do día de onte e as primeiras de hoxe, un total de 371 incidencias, segundo a última actualización.

A maior parte das incidencias veñen provocadas por caídas de árbores e ramas ás estradas que entorpecen o paso, así como a caída de obxectos e tamén as accións doutros grupos de emerxencias para evitar riscos, como caídas de postes de luz ou teléfono en risco de desprendemento.

O servizo de emerxencia destacou tamén as intervencións relacionadas con derrubes de estruturas, como en concreto en Porto do Son e Santiago de Compostela, onde «caíron unha parede dun pavillón polideportivo dun centro educativo e a cuberta do conservatorio de música, respectivamente», informan dende o 112.

As provincias que soportaron un maior número de intervencións foron: Pontevedra e Coruña, con 216 e 104 respectivamente. A moita menor escala, as provincias de Ourense e Lugo, que rexistraron polo de agora 30 e 21, respectivamente.

Os concellos que destacaron por número de incidencias foron: Vigo, Pontevedra, Marín, Ponteareas, Santiago de Compostela, Padrón, Ribeira e Rianxo.

As autoridades alertan que o episodio adverso continúa, aínda que en menor medida, polo que convén manter as medidas de autoprotección como evitar desprazamentos na medida do posible ou optar por outras opcións de transporte.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS