martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasRedondela pon en marcha un programa pioneiro para a recollida e adopción...

Redondela pon en marcha un programa pioneiro para a recollida e adopción de gatos

Máis de 300 gatos e gatas foron esterilizados desde que comezaron en 2019 as campañas de control felino por parte do Concello de Redondela

O Concello de Redondela xa conta cun Protocolo de Actuación para a Recollida de Felinos, elaborado directamente pola concellería de Sostibilidade. O concelleiro Roberto Villar explica que o obxectivo principal deste protocolo é o de “atender aos animais de raza felina que están desamparados, feridos ou que se atopen en estado abandono”. Villar aclara que este programa “non está deseñado para cubrir as responsabilidades que os propietarios teñen cos seus animais”.

Outro dos obxectivos será “identificar casos de maltrato ou abandono animal e adaptar os procesos de recollida dos gastos da vía pública á nova lei de Benestar Animal”. Lembra Villar que a recollida de animais extraviados e abandonados e seu aloxamento nun centro de protección animal é unha obriga dos Concellos. No caso dos cans Redondela ten un convenio con CAAN, dependente da Deputación de Pontevedra “pero no caso dos gatos era necesario establecer un regulamento”, sinala o edil.

O novo protocolo establece todos os pasos a seguir o caso de atoparse un animal ferido, enfermo, extraviado ou abandonado. Tamén recolle o procedemento do Programa Municipal de Adopción Felina. Ante un caso de alerta no departamento de Medio Ambiente ou na Policía Local o caso trasladarase á Concellería de Sostibilidade. A continuacion, será o departamento de Rescate e Control de Especies o que se encargue do caso, recollendo o animal e trasladándoo á clínica veterinaria. Así mesmo, de non aparecer persoa propietaria o animal será derivado a unha casa de acollida de referencia. Pasados os dez días de custodia dende a alta veterinaria o animal entrará dentro do programa de adopción felina do Concello de Redondela.

Máis de 70 gatos adoptados no primeiro ano do programa piloto

Este protocolo que acaba de publicarse é froito de máis dun ano de traballo cun programa piloto no que traballou a concellería de Sostibilidade, desde xullo de 2023 ata setembro de 2024. Roberto Villar explica que grazas a esta experiencia foron vendo as diferentes casuísticas que dan en Redondela, tanto na xestión das colonias de gatos da rúa como as incidencias en abandonos.

Na campaña de 2023 o Concello recolleu 54 gatos que xa están adoptados por familias. En 2024 o número de casos reduciuse notablemente, con 18 gatos recollidos que xa están en pre-adopción, o que supón case un 70% menos. Así mesmo, máis de 300 gatos foron esterilizados desde que comezaron en 2019 as campañas de control felino por parte do Concello de Redondela.

    مقالات ذات صلة

    OUTRAS NOVAS