sábado, diciembre 7, 2024
InicioNewsActualidadeA Xunta inviste 9 millóns de euros no centro de saúde de...

A Xunta inviste 9 millóns de euros no centro de saúde de Moaña

Prevese que o centro esté rematado en maio de 2025. Por outro lado, tamén dotará ao concello dunha nova ambulancia de soporte vital avanzado en enfermería que reforzará as capacidades da asistencia da comarca do Morrazo

A Xunta vén de investir na sanidade pública de Moaña preto de 9 millóns de euros, ademais de dotar ao municipio dunha nova ambulancia con sede neste concello.

Así o destacou esta mañá o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na visita de supervisión que realizou para comprobar o estado das obras que se están levando a cabo no novo centro de saúde da localidade.

O conselleiro adiantou que nas vindeiras semanas a Xunta impulsará a licitación do novo contrato de transporte urxente da área sanitaria de Vigo, que prevé a dotación dunha nova ambulancia de soporte vital avanzando en enfermería para O Morrazo, con base en Moaña durante todo o ano. Esta reforzará as capacidades da asistencia na comarca.

Na visita, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, Amparo Pousada; e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente.

Tal e como subliñou o conselleiro, o investimento en marcha no novo centro de saúde de Moaña, de 8,3 millóns de euros, permitirá dotar aos veciños dun centro sanitario moderno, accesible, confortable e preparado para ofrecerlles unha asistencia sanitaria de vangarda e de máxima calidade. Ademais, o novo centro case triplicará a superficie do actual.

Gómez Caamaño detallou que as obras se atopan a pleno rendemento. Na actualidade están a colocarse os paneis de madeira da fachada da planta baixa, coa previsión de rematar a instalación de toda a estrutura de madeira en novembro.

As obras continuarán avanzando co obxectivo de rematar a construción do novo centro de saúde de Moaña en maio do vindeiro ano, incidiu o conselleiro.

Outros investimentos sanitarios

O conselleiro de Sanidade tamén destacou a reforma do consultorio de Domaio, licitada no mes de maio por preto de 420.000 euros, que se adxudicará nos vindeiros días para comezar coa execución das obras.

Unha proba máis, dixo Caamaño, de que «a Xunta avanza na atención ás necesidades de mellora da sanidade pública no Morrazo».

Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño
مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS