domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsActualidadePonteareas lanza o portal tributario municipal que permitirá pagar impostos locais a...

Ponteareas lanza o portal tributario municipal que permitirá pagar impostos locais a través de ‘Bizum’

Un novo servizo municipal a través do que se poderá acceder a toda a información e normativa recadatoria municipal actualizada

A concellería de Facenda do Concello de Ponteareas, que dirixe Francisco J. Represas, informa da próxima entrada en funcionamento do novo Portal Tributario Municipal (OVT), un novo servizo municipal a través do que se poderá acceder a toda a información e normativa recadatoria municipal actualizada.

O Portal Tributario Municipal dispón dunha ferramenta destacada coa que o contribuínte terá a oportunidade de asumir o control dos seus tributos ao permitir calcular, declarar e ingresar no mesmo momento a cantidade que debe pagar, dispoñible 24 horas e 365 días ao ano, tendo a cidadanía total autonomía e facilidades no cumprimento das obrigas fiscais.

Desde a OVT, ademais, poderase facer o pago utilizando calquera canle de ingreso habitual e que incorpora a opción BIZUM como ferramenta que permite traspasar diñeiro de forma instantánea, cómoda e gratuíta con tan só enviar unha mensaxe desde o móbil; outra funcionalidade prevista será a posibilidade de, previa consulta telefónica, autoliquidar desde o Portal e ingresar a taxa do guindastre, de forma que o xustificante de pago será válido durante un prazo aproximado de 2 horas para validar a retirada do vehículo.

Enmarcada na estratexia “Ponteareas Simplifica” que ten como obxectivo achegar a administración á cidadanía a través de ferramentas dixitais o Portal Tributario Municipal comezará a funcionar no mes de setembro para minimizar atrasos, cargas administrativas e recadatorias, reducir trámites e evitar duplicidades. “Seguiremos avanzando para que a relación entre administración e cidadanía sexa áxil, doada e cómoda. Ponteareas Simplifica contempla unha batería de accións encamiñadas a dar un servizo útil que evite desprazamentos e permita un control da cidadanía das súas xestións, responsabilidades, obrigas e dereitos”, explica Francisco Represas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS