jueves, julio 18, 2024
InicioNewsComarcasAntonio Palacios, gran protagonista do Eureka Reto Rural no Porriño

Antonio Palacios, gran protagonista do Eureka Reto Rural no Porriño

O concello acolle este sábado ás 10:30h a sexta proba do xogo de escapismo dixital posto en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Río de Vigo e Baixo Miño

O novo desafío de ‘Eureka Reto Rural’ ten nome e apelido: Antonio Palacios. O arquitecto será o gran protagonista do escape room do Porriño, escenario da sexta proba desta iniciativa posta en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, un produto turístico diferente e orixinal co que achegar ao público ao territorio a través de xogos de escapismo temáticos ao aire libre, de forma dixital, de balde e para todos os públicos.


Este sábado 22 de xuño o centro do Porriño acollerá un encontro no que todas as persoas participantes poderán coñecer un pouco máis sobre a figura de Antonio Palacios coincidindo cos 150 anos do seu nacemento. Recoñecido a nivel nacional polo seu gran traballo, Palacios é un dos arquitectos máis ilustres de Galicia e artífice do cambio urbanístico do Madrid de primeira metade do século XX. As e os participantes percorrerán as rúas porriñesas para achegarse á vida, obra e ata aos monumentos dun personaxe moi vinculado ás canteiras e gran amante da súa terra.


O escape room partirá ás 10.30 horas da Praza do Concello do Porriño nunha ruta circular de dificultade moderada e accesible para todos os públicos. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.


Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, convidou a todas as persoas a participar nestes xogos de escapismo ao aire libre, “que está a piques de chegar ao seu ecuador cun desafío que demostra como nunca como un produto turístico innovador como Eureka Reto Rural pode ofrecer unha oportunidade única para que as e os participantes conecten coa historia do noso territorio, celebrando e descubrindo a nosa valiosa herdanza cultural e patrimonial”.


Como destaca o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, “Antonio Palacios foi moito máis ca un arquitecto, foi un ilustre porriñés que se atreveu a soñar ao grande e conseguiu consolidarse como un referente da arquitectura española do século XX. Foi alguén que deseñou unha Galicia moderna e un Madrid maxestuoso que respectaba o tradicional mentres se abría ao futuro. E o mesmo fixo na súa vila natal, deixándonos un valioso patrimonio que este ano, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento e o centenario dunha das súas grandes obras, a nosa Casa do Concello, queremos poñer en valor. Este xogo é unha oportunidade perfecta para descubrir O Porriño a través de Palacios e tamén para coñecer un pouquiño máis a súa vida e obra, por iso agradezo a EuRural e Xeodestino esta iniciativa e convido a todo o mundo a asumir o reto e xogar con nós!”


As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras O Porriño serán:

  • 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
  • 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
  • 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
  • 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da
    Chanfaina’.
  • 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
  • 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
  • 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
  • 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.

Toda a información pormenorizada das actividades, con horario e puntos de encontro están dispoñibles na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES