domingo, abril 28, 2024
InicioActualidadeCulturaLaura Porto: “Esta nominación non é para min, é para todas as...

Laura Porto: “Esta nominación non é para min, é para todas as mulleres bravas que loitan e loitaron contra as guerras”

A dramaturga do Condado síntese honrada de ser finalista nos premios máis importantes do teatro galego, aínda que é conscente de que os outros dous nominados “son dous homes de brillante traxectoria e moita importancia no sector”

Queda só un día para a Gala dos Premios María Casares, e a dramaturga do Condado, nada en Covelo, Laura Porto considera unha gran honra a nominación na categoría “mellor texto orixinal” malia que compite nesta sección “con dous homes brillantes con unha gran traxectoria e moita importancia no sector”.

Laura chega os María Casares coa súa segunda obra no circuíto profesional, un espectáculo que escribíu por encarga para a compañía Amorodio Teatro, e que soubo facer seu. “Non me esperaba este nomeamento e, máis que para min, é para honrar a todas as mulleres bravas como as irmás Touza, que hoxe, como hai 80 anos, loitan contra as guerras axudando ás persoas que que cada día arriscan a vida para migrar a lugares sen conflitos”, asegura.

Porque precisamente de iso vai a montaxe. A dramaturga baseou o seu traballo na xesta das irmás Touza, de Ribadavia, que entre 1939 e 1945, axudaron a pasar a Portugal a un número estimado de medio milleiro de persoas que fuxían do Holocausto Nazi. 

A guerra é un dos eixos do espectáculo, que afirma que, no importante, todas as guerras se parecen. Cando Laura comezou a preparar “A Nai” aínda non comezara a guerra entre Rusia e Ucraína, e cando se estreou aínda non estalara a actual onda bélica en Palestina, nin se coñecían as atrocidades que se están desvelando.  “Cando comezamos a traballar en “A Nai”, o que está a pasar en Rafah non entraba nin nos nosos peores pesadelos. Con todo, preguntámonos no espectáculo como pode Israel actuar así despois do Holocausto, e se podemos crer na humanidade despois diso. A pesar de Rafah, seguimos crendo que hai esperanza. Seguirá a habela mentres en cada tempo de barbarie haxa unha soa persoa capaz de criar unha próxima xeración mellor ca a nosa”.

«Cando comezamos a traballar en “A Nai”, o que está a pasar en Rafah non entraba nin nos nosos peores pesadelos»

O espectáculo “A Nai” mestura teatro documento con ficción, e converte o escenario nunha máquina do tempo onde a Ribadavia dos anos 40 mestúrase con cuestións de rabiosa actualidade, como os dereitos reprodutivos da muller ou a problematización da maternidade. “Expomos a pregunta, no espectáculo, de se é máis nai é a que pare ou a que cría, cunhas personaxes moi fortes que, replicando ás Touza, atópanse coparentando a unha nena. Unha pariuna, a outra decidíu non ser nai, pero agora cría ao bebé da súa compañeira de piso como filla súa. Non respondemos a pregunta, claro, porque o teatro é para preguntar, máis que para respostar, pero cando preestrenamos a obra en Rianxo varias persoas do público erguéronse e berraron: “A nai son todas!”. Foi moi emocionante.”

Para poder escribir “A Nai”, a dramaturga pasou varios días en Ribadavia co resto do equipo da montaxe, entrevistándose con persoas que puideron ouvir falar ou coñecer ás irmás Touza, e cos seus descendentes. No arquivo militar de Ferrol conseguiron acceder a varios documentos da Guerra Civil que completaron a súa panorámica dos personaxes reais desta historia.

“As irmás Touza son mulleres fundamentais para entendernos como pobo»

“As irmás Touza son mulleres fundamentais para entendernos como pobo. Nos últimos anos somos moitas as que nos interesamos por elas, e confío en que cada vez serán máis as iniciativas para colocalas no lugar da Historia que lles corresponde. Nese sentido alégrame moito que “A Nai” sexa finalista aos Premios María Casares, porque é unha axuda máis para que os nomes de Lola, Julia e Amparo Touza se escoiten. E cos seus, os de moitas mulleres invisibles da súa xeración, que son a columna vertebral do que somos hoxe como país. Estas mulleres amparáronse na súa posición case invisible como quiosqueiras e solteironas na Ribadavia e na España franquista, para resisitir e loitar a través do coidado aos demais, convertendo en forza a súa suposta debilidade. Actuaban por amor á liberdade, iso é o que din os seus netos, que non tiñan ideoloxía, e simplemente axudaban a quen o necesitaba, sen facer preguntas. Temos moito que aprender, e que ensinarlle ás nosas crianzas, do seu exemplo de resiliencia, resistencia e solidariedade.”

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES