viernes, mayo 3, 2024
InicioActualidadeCulturaFlorece a camelia no Castelo de Soutomaior

Florece a camelia no Castelo de Soutomaior

Visitas guiadas para o público xeral e escolar, obradoiros de debuxo e degustacións de té de camelia compoñen a programación organizada pola Deputación de Pontevedra para os meses de febreiro e marzo. “Convido a toda a veciñanza a e visitantes da provincia a que se acheguen neste final do inverno ao Castelo de Soutomaior a desfrutar do espectáculo das camelias, a desfrutar dunha experiencia 100 % Rías Baixas”, sinalou este venres o presidente provincial Luis López, despois de detallar as actividades previstas.

As visitas guiadas para o público xeral teñen un prezo de tres euros por persoa, unha duración de sesenta minutos e levaranse a cabo todos os martes e xoves en horario de tarde ata o 26 de marzo. Mentres que as visitas para escolares son gratuítas e terán lugar na queda de mañá todos os martes e venres ata o 22 de marzo. En ambos os dous casos, as visitas estarán dirixidas por persoal do Castelo, que centrarán o percorrido na floración da camelia, a evolución desta especie e a súa relación coa provincia de Pontevedra.

Os obradoiros de debuxo están fixados para o 11 e 18 de febreiro, así como para o 10, 17, 24 e 31 de marzo. Estas actividades están pensadas para familias con fillos maiores de tres anos, o prezo é de 8 euros e o aforo máximo, de 30 persoas. Nestes obradoiros, os participantes poderán coñecer a importancia e a diversidade das camelias na provincia de Pontevedra para, a continuación, representar estas plantas empregando as técnicas artísticas de pintores locais como Maruja Mallo, Seoane, Jose Frau ou María Antonia Dans.

No caso das degustacións de té de camelia, están previstas para os días 23 de febreiro e 22 de marzo, cun aforo máximo de 25 persoas, un prezo de 8 euros e unha duración aproximada de dúas horas. A actividade consistirá nunha visita guiada polos xardíns e o castelo prestando especial atención ás camelias e, despois, unha degustación conducida por Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, para coñecer o cultivo e a preparación do té de camelia.

Como é habitual, para participar en calquera destas actividades, as persoas interesadas deben solicitar cita previa e mercar a entrada a través da páxina web oficial do castelo de Soutomaior, www.castelodesoutomaior.com

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES