lunes, mayo 27, 2024
InicioComarcasParadantaO servizo de Atención Temperá en Covelo cumpre un ano acompañando o...

O servizo de Atención Temperá en Covelo cumpre un ano acompañando o crecemento das cativase cativos

- O alcalde, Pablo Castillo, fixo balance xunto ás responsables do servizo que atende ás familias no centro de saúde de Maceira cada mércores de 8 a 17 horas

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, visitou o servizo de Atención Temperá, ubicado no centro de saúde de Maceira, para facer balance deste primeiro ano de funcionamento. Grazas ao convenio asinado entre os concellos de Covelo, A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario e Melón ás familias dispoñen deste importante apoio dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade.

Co obxectivo de dar resposta, o máis pronto posible, ás necesidades transitorias ou permanentes dos e das cativas con trastorno no seu desenvolvemento o servizo de Atención Temperá atende, actualmente, a 70 pequenos e pequenas que antes tiñan que percorrer longos traxectos á cidade para as súas consultas. En Covelo presta os seus servizos cada mércores de 8 a 17 horas.

“Investir en facilitar o día a día das persoas, acompañar ás familias dentro das nosas competencias e posibilidades e traballar para mellorar a calidade de vida das e dos nosos veciños é prioritario. Ofrecer todos os servizos posibles acurtando desprazamentos e conveniar coas distintas institucións e administracións é necesario para un mellor aproveitamento dos recursos públicos”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

Formado por un equipo interdisciplinar cunha psicóloga, unha logopeda e unha terapeuta, ao servizo de Atención Temperá chegan aquelas familias derivadas por pediatría ao considerar que poden padecer ou padecen trastornos do desenvolvemento ou están en situacións de vulnerabilidade evolutiva.

Cromosomopatías, prematuridade, dano cerebral adquirido, anomalías conxénitas do cerebro, parálise cerebral, trastornos dexenerativos ou progresivos, anomalías persistentes do tono, trastornos do espectro autista (TEA), trastornos por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) ou trastornos da esfera afectivo-emocional son algúns dos criterios que establece o protocolo de coordinación, intervención e derivación interinstitucional en atención temperá, da Xunta de Galicia. Pero se a familia nota que o neno/a presenta unha situación de atraso ou trastorno no desenvolvemento con referencia a súa idade e condición madurativa ou que convive con situacións de estrés, de desaxuste continuado da interacción familiar ou de exclusión social con alta probabilidade de trastorno ou atraso no desenvolvemento de non mediar intervención tamén debe trasladarllo ao servizo de pediatría.

Olalla Rodríguez Giráldez, psicóloga e coordinadora do servizo de Atención Temperá, xestionado por ACCESCA, explica que aínda que non estea diagnosticada unha das enfermedade ou trastornos anteriormente citados, se observamos que o/a neno/a se atopa nunha situación de vulnerabilidade evolutiva por confluencia e/ou predominio continuado e negativo de factores de risco biolóxicos, psicolóxicos e sociais sobre os correspondentes factores de protección, con alta probabilidade de que poida desenvolver un trastorno ou atraso no desenvolvemento de non mediar intervención, debemos informar aos profesionais do centro de saúde.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES