miércoles, mayo 8, 2024
InicioEmpresaEmpresariadoA Xunta de Galicia e Stellantis unen esforzos na busca dunha planta...

A Xunta de Galicia e Stellantis unen esforzos na busca dunha planta máis versátil, sustentable e conectada

- Un consorcio liderado pola planta viguesa presentou esta mañá os resultados do proxecto Facendo 4.0 apoiado polo programa Fábrica Intelixente e Sustentable do Goberno galego

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no evento de peche do proxecto Facendo 4.0 (Competitividade industrial e electromobilidade a través da Innovación e a transformación dixital) desenvolvido por Stellantis en colaboración cos centros tecnolóxicos CTAG, Gradiant e Aimen, así como coa Universidade de Vigo e co apoio do programa Fábrica Intelixente e Sustentable da Xunta de Galicia. Facendo 4.0 supuxo un investimento de máis de 22 millóns de euros, cunha axuda pública de máis de 12 millóns, cofinanciado pola Unión Europea a través de fondos Feder do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A directora de Gain destacou a contribución deste proxecto para situar Galicia á vangarda da fábrica intelixente e sustentable no sector da automoción, en liña cun dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que é avanzar cara a un novo modelo industrial baseado no coñecemento e na innovación. Así mesmo, destacou o aliñamento de Facendo 4.0, que inclúe unha completa estratexia de electrificación, coas prioridades europeas, estatais e galegas da dixitalización e a sustentabilidade.

En concreto, este proxecto innovou nos procesos produtivos da planta viguesa en tres liñas: avanzar cara a unha planta máis flexible que responda ás necesidades do cliente; cunha mínima pegada de carbono -aspira a emitir cero residuos e emisións no 2050-; e nunha planta conectada, con mellores prestacións tecnolóxicas. No marco do proxecto rexistráronse 10 patentes e participaron 400 profesionais (persoal técnico e investigador) de distintos ámbitos.

Argerey tamén destacou o efecto tractor deste proxecto sobre o resto do sector de automoción galego, impulsando a innovación en toda a súa cadea de valor, e a importancia da colaboración entre distintos axentes do ecosistema galego de innovación (empresas, centros tecnolóxicos e universidade) para favorecer a transferencia de coñecemento dos centros ao tecido produtivo converténdoo en valor económico e social.

Por último, Argerey lembrou que segue aberta ata o 2 de outubro a convocatoria de 2023 deste programa de axudas: Fábrica Intelixente e Sustentable. Dotada con 24 millóns de euros, está dirixida a promover iniciativas de I+D+i estratéxicas para o tecido empresarial galego. Nela poden participar tanto pemes como grandes empresas, así como organismos de investigación que desenvolvan un proxecto de I+D en colaboración cunha ou varias compañías.

A través das catro edicións anteriores deste programa, apoiáronse 24 proxectos, nos que participaron 68 empresas e centros de coñecemento, cunha axuda pública de preto de 76 millóns de euros que permitiu unha mobilización de 275 millóns de euros. No sector da automoción, en concreto, apoiáronse 8 proxectos aos que corresponde preto do 70% do investimento total. Pola súa banda, as entidades da provincia de Pontevedra concentraron preto do 72% do investimento público e un 74% do mobilizado.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES