domingo, mayo 19, 2024
InicioComarcasLouriñaThe Limboos e Mr. Kilombo actuarán no Festival de Cans

The Limboos e Mr. Kilombo actuarán no Festival de Cans

O Espazo Estrella Galicia da Leira do Río volverá a ser o epicentro da programación musical que se compón dun total de 25 actuacións ao longo dos cinco días que durará a vixésima edición do certame

O Festival de Cans deu a coñecer hoxe un avance da programación musical coa que celebrará a súa XX edición, que terá lugar do 16 ao 20 de maio nesta parroquia do Porriño. Todos os días do festival pecharanse cunha actuación musical, destacando as que terán lugar o venres 19 e o sábado 20 no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, que volverá ser o gran epicentro musical de Cans. O evento prepara unha gran celebración, e programará un total de 25 actuacións musicais ao longo dos cinco días que durará o certame e onde os concertos tamén regresarán ao emblemático Torreiro das Estrelas.
O sábado será o día grande do festival e contará coas actuacións de noite da banda Mr, Kilombo, o proxecto de música de raíz festiva encabezado polo madrileño Miki Ramirez, e do dúo de DJs Serial Killerz, que xa pasaron por festivais de prestixio como o FIB, Sonorama ou Viña Rock. Antes, pola tarde no mesmo Espazo Estrella Galicia, actuarán The Limboos, banda de orixe galega afincada en Madrid, cunha traxectoria de dez anos marcada por un rythm&blues elegante e un directo que fará bailar a todo o público.
Para conmemorar esta XX edición, o Festival de Cans volverá programar actuacións noutro dos espazos históricos da aldea, como é o Torreiro das Estrelas. A este espazo regresarán, no serán do sábado, unha das formacións máis aclamadas nos vinte anos de historia de Cans, Tony Lomba e Elio dos Santos, que ofrecerán un concerto moi especial polo XX aniversario; ademais dunha sesión vermú coa música de Mallou, recentes gañadores do Premio Narf da Deputación da Coruña. Na fin de semana, as noites pecharanse coa música de Eme Dj e de Rapariga Dj.
Estas actuacións non serán as únicas a celebrar no Torreiro e no Espazo Estrella Galicia, xa que nos vindeiros días anunciaranse outras das bandas máis relevantes que pasarán polo festival, así como unha programación especial que terá lugar o 17 de maio, festividade das Letras Galegas.

Noite Lasal dos vídeo clips e Invernadoiro co chileno Nano Stern
O martes, 16 de maio, na Praza do Concello do Porriño, terá lugar a Noite Lasal dos vídeo clips, que contará coa actuación da galega Zeltia Irevire, unha das artistas galegas novas con máis proxección. O xoves 18, trala proxección de “Honeymoon” de Enrique Otero, filme que abrirá o festival, actuará a novísima artista compostelá Paloma, co seu pop experimental con influencias do jazz, o blues e o folk americano, que está gravando o seu primeiro disco. Esta actuación incorpora un espazo novidoso como é a terraza exterior do Círculo Recreativo Cultural.
Todas as actuacións serán de balde, excepto as que terán lugar na tarde do sábado no Invernadoiro de Juan e Mucha do Peso. Polo singular espazo que combina unha parte audiovisual no Jalpón con concertos no invernadoiro, pasarán o chileno Nano Stern, un ídolo no seu país, que forma parte da terceira xeración de cantautores chilenos, e a poeta, acordeonista e performer Rosalía Fernández Rial. Stern presentará tamén un avance do documental que está a realizar dos novos artistas da canción chilena e Rosalía Fernández Rial combinará música e poesía, partindo das pezas audiovisuais inspiradas nos seus poemas, parte de cuxa obra se estreará no Festival de Cans.
O invernadoiro é un espazo dos máis demandados polo público, pero limitado a unha capacidade de só 75 persoas por actuación. As entradas para este espazo están desde hoxe á venda a un prezo de 5 euros na tenda www.festivaldecans.com, do mesmo xeito que as entradas individuais para asistir ás sesións de curtametraxes da competición de “Furacáns” e “Ficción e animación”

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES