lunes, octubre 14, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño premia os mellores doces de nadal

Porriño premia os mellores doces de nadal

Os amantes da cociña poden participar no I Concurso de Sobremesas de Nadal organizado polo Concello do Porriño formalizando a inscrición do 12 ao 21 de decembro

O Concello do Porriño, a través da concellería de Comercio que dirixe Antía Carrera, convoca o seu I Concurso de Sobremesas de Nadal.
“O obxectivo é recuperar a preparación desas sobremesas caseiras típicas do Nadal e que os amantes da cociña e a repostaría poidan mostrar as súas mellores creacións, inspiradas nunha das épocas do ano na que as receitas doces adquiren un especial protagonismo”, explicou a concelleira.
As sobremesas que se presenten deberán estar relacionadas co Nadal, ben sexa polos ingredientes empregados ou pola súa presentación.
Os doces presentaranse xa preparados na casa e deberán ser consumibles en prato individual para un mínimo de 10 comensais. Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas sobremesas. Terán que estar listas para degustar, en perfectas condicións de consumo e en bandexa desbotable o día 23 de decembro de 2022, ás 12 h na praza Arquitecto Antonio Palacios.
No momento da recepción da sobremesa seralle entregado un sobre á persoa participante, co que se lle asignará un número. Neste sobre deberán introducir a receita cos ingredientes utilizados e a forma de elaboración. O xurado soamente coñecerá o número e non a identidade do/a participante (que non será desvelada ata a asignación dos premios).
“Valorarase o sabor, a elaboración, a complexidade da receita, os ingredientes utilizados, a orixinalidade e a creatividade da presentación”, apuntou Antía Carrera, “Outorgaranse tres premios (o primeiro de 250 euros, o segundo de 150 e o terceiro de 100 euros) para consumir no Porriño, xa que o certame ten tamén como fin dinamizar o consumo nos nosos locais de hostalería e comercio”.
As bases publicáronse este luns 12 de decembro, mesmo día no que se abre o prazo de inscrición e manterase ata o 21 de decembro. Todas as persoas interesadas en participar poderán anotarse enviando o impreso que se colgará na páxina web municipal xunto coas bases ao seguinte correo electrónico: rexistro@oporrino.org .

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS