viernes, mayo 17, 2024
InicioComarcasLouriñaA Xunta colabora coa Fundación Pazo de Mos na difusión da historia,...

A Xunta colabora coa Fundación Pazo de Mos na difusión da historia, a arte e a cultura de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades asina un convenio co presidente da entidade para contribuír cos gastos de funcionamento

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, achegouse ata o Pazo de Mos, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e demais membros do goberno local, para asinar co presidente da Fundación Pazo de Mos, Manuel Castro, un convenio polo que a Xunta vai colaborar coa entidade na difusión da historia, a arte e a cultura de Galicia.

O acordo polo cal o Goberno galego contribúe cos gastos de funcionamento desta fundación ten por obxectivo apoiar as súas actividades, entre as que se inclúen desde visitas e formacións ata exposicións, concertos ou espectáculos de artes escénicas. “Desde o ano 2006 a Fundación Pazo de Mos, grazas á implicación e esforzo dos veciños, fai un importante labor para dinamizar a vida cultural deste municipio e ofrecer unha programación diversa e de calidade”, salientou Román Rodríguez.

Preme para escoitar as intervecións:

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura agradeceu o traballo veciñal e o seu compromiso co legado da nosa Comunidade participando en eventos como o Festival Intercéltico O son do Pazo que se acaba de celebrar.
Por outra banda desde o Concello de Mos aproveitouse tamén para asinar coa Fundación Pazo de Mos o convenio anual polo que a administración local apoia á fundación con 10.000 euros. Neste senso, a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou “o compromiso incondicional do Concello de Mos co seu patrimonio histórico, cultural e arquitectónico, por iso continuamos a senda de apostar por axudar á Fundación Pazo de Mos”. Ademais Arévalo agradeceu enormemente “a man sempre tendida da Xunta de Galicia e da consellería de Cultura en particular, apoiando e premiando o esforzo que desde a administración local e colectivos mosenses facemos para poñer en valor a cultura galega e o Camiño de Santiago”.

O obxecto deste convenio é establecer as bases de colaboración entre o Concello de Mos e a Fundación Pazo de Mos, polo que a Fundación se compromete á cesión de uso das instalacións do Pazo de Mos para a realización de actos institucionais por parte do Concello e reunións nas instalacións do Pazo de Mos, principalmente a celebración de sesións plenarias coa periodicidade establecida así como reunións puntuais con asociacións, veciños, actividades culturais, deportivas…
Reforma integral da biblioteca

Con esta contribución, amplíase o compromiso da Consellería co municipio de Mos, que se reflicte na achega de 250.000 euros para a reforma integral da biblioteca municipal, o que permite seguir impulsando os servizos culturais de proximidade.

Tamén nos traballos arqueolóxicos que están actualmente en execución no Castro de Pereiras, que o conselleiro visitou, e que se realizan en colaboración co Concello e a Comunidade de Montes de Pereiras co fin de consolidar e poñer en valor os restos atopados nas anteriores campañas.

A actuación na parroquia mosense de Pereiras encádrase na estratexia de Xunta de Galicia para coñecer mellor o noso pasado

Preme para escoitar as intervecións:

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES