viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño incorporará 11 novos traballadores ao seu cadro de persoal

Porriño incorporará 11 novos traballadores ao seu cadro de persoal

Contrataranse dous operarios de mantemento, tres peóns de obra pública, dous conserxes e catro peóns forestais.

O Concello do Porriño reforzará o seu cadro de persoal con 11 novos traballadores e traballadoras que desenvolverán as súas tarefas en diferentes áreas municipais.

Estas contratacións formalizaranse en base a dúas achegas de iniciativa social da Xunta de Galicia.

A primeira delas ascende a 103.244 euros para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga e, ao seu abeiro incorporaranse 2 operarios de mantemento na área de Deportes, 3 peóns de obra pública, 3 peóns forestais e 2 conserxes. A duración destes contratos será de 9 meses con xornada parcial ao 75%.

A segunda, conta cun orzamento de preto de 14.000 euros para a contratación de 1 peón forestal, a xornada completa durante 9 meses, no marco da liña de subvencións para o fomento do emprego no rural (APROL Rural).

“Ademais de supoñer unha nova oportunidade laboral para estas persoas que están en situación de desemprego, estas contratacións mellorarán a resposta do Concello e reforzarán os servizos que ofrece á cidadanía”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo. “As institucións deben ser un instrumento útil para mellorar a vida da veciñanza e iso pasa por ambas cousas”.

O rexedor incidiu en que o goberno municipal continuará desenvolvendo políticas que “dean prioridade a prestación destes servizos básicos con persoal propio”.

As persoas interesadas en optar a estes postos de emprego deberán estar anotadas no Servizo Público de Emprego, que será quen faga a selección, nos seguintes códigos:

• 71911023 – Operario de mantemento
• 96011029 – Peón de obra pública
• 95431028 – Peón forestal
• 58331022 – Conserxe

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES