viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Servizo de Atención Temperá do Baixo Miño amplía horario

O Servizo de Atención Temperá do Baixo Miño amplía horario

A subida de horas era precisa para axilizar a longa lista de espera que teñen para atender a 70 familias.

O Servizo de Atención Temperá (SAT) da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, que funciona en Tomiño dende o ano pasado, ampliou durante o mes de setembro o seu horario de atención ao público, que pasa a ser de luns a venres de 09.00 a 14.00 e de 15.00 a 19.30 horas.

A ampliación do servizo, creado co obxectivo de que as familias con fillos ou fillas con dificultades de desenvolvemento poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo, e ao que acoden agora mesmo máis de 50 familias da comarca, foi posible grazas á subvención obtida pola Mancomunidade do Fondo Social Europeo que, sumada ás axudas dos demais patrocinadores (Xunta de Galicia, Xacobeo e a propia Mancomunidade) e á entidade prestadora dos servizos Cogami, permitiu contratar ás profesionais de dito servizo a xornada completa.

A coordinadora da unidade, Andrea Álvarez Rodríguez, explica que a subida de horas era necesaria para axilizar a longa lista de espera que teñen desde a posta en marcha do servizo, unhas 70 familias procedentes dos catro concellos integrados na mancomunidade A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui).

A unidade comezou a funcionar nos últimos meses do ano 2020. Creada pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, o obxectivo da mesma é que as familias que teñan menores con dificultades de desenvolvemento, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo.

O equipo de profesionais que forman o SAT Baixo Miño (2 psicólogas, unha fisioterapeuta e unha logopeda) ten a súa sede no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. O servizo está especialmente destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar.

Para máis información ou solicitude de cita previa, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 886.156.172 ou enviar un correo electrónico a atenciontempranamibm@cogami.gal

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES