viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaUn cento de vivendas de Cela, Pereiras e Tameiga xa teñen internet...

Un cento de vivendas de Cela, Pereiras e Tameiga xa teñen internet de fibra

Conséguese logo de iniciar por fin R o programa de extensión da banda longa pendente en Mos que alcanzará os 2.200 fogares

Xa é unha realidade o desbloqueo da problemática na implantación do internet de banda longa por parte da operadora R no municipio. Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, que tamén se achegaron ata algunha das vivendas recentemente conectadas para consultar cos beneficiarios a satisfacción ante o servizo. Unha das devanditas familias foi a de Claudia Durán, residente no Camiño da Mouta, parroquia de Pereiras.
Durante os pasados meses de maio e xuño acometeuse por parte de R a instalación da fibra óptica necesaria para a conexión a internet de banda longa das 100 primeiras vivendas do programa de extensión da banda longa de nova xeración en Mos, pola que a operadora recibira subvención estatal e que levaba pendente desde o 2020.
Unha vez conectado este primeiro cento de vivendas, iranse acometendo progresivamente todas as instalacións necesarias ata completar o total do programa, que inclúe 2.200 vivendas e 6.000 habitantes.
Estes primeiros 100 domicilios dotados de servizo de conexión a internet de banda longa distribúense por diferentes zonas dalgúns dos barrios das parroquias de Cela, Pereiras e Tameiga. En Cela realizouse instalación en zonas dos barrios de Atín e Arufe, en Pereiras nalgunhas zonas dos barrios de Roublín, Casal, Casalmorto e Campo de Eiró. E na parroquia de Tameiga en Puxeiros, ao inicio da Estrada Generoso Domínguez.
Ademais os representantes municipais, Arévalo e Costas, avanzaron que a teleoperadora atópase nestes intres instalando postes en Petelos, na zona da Porteliña, e realizando o replanteo para a continuación colocar os postes en Casal (Tameiga).
A finais de verán quedará acometida outra gran parte da instalación que permitirá conectarse a máis de 500 vivendas. Mes a mes iranse producindo ampliacións de rede e instalación de novos tramos de fibra.
Rexedora local e concelleiro informaron de que Telefónica está traballando paralelamente. Agora mesmo atópanse traballando en Louriñó, parroquia de Torroso, realizando labores de preparación da liña para logo instalala. Nidia Arévalo e Leo Costas remataron animando á poboación a que se conecte se así o desexa á fibra óptica e que, se queren máis información ou teñen dúbidas ao respecto, se acheguen ata o Concello onde se lles atenderá aportándolles todos os detalles que precisen.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES