viernes, marzo 29, 2024
InicioNewsO PaísA autocita para a vacina contra a COVID empeza o luns cos...

A autocita para a vacina contra a COVID empeza o luns cos Erasmus e os maiores de 50 anos

 

Novo sistema de autocita por internet para a vacinación fronte á COVID-19 que Sanidade pon en marcha a partir da vindeira semana. Presentouno o conselleiro, Julio García Comesaña, este sábado en conferencia de prensa, xunto ao xerente do SERGAS, José Flores Arias, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e polo subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón Calvo.

Este novo sistema, que comezará a funcionar a partir do 5 de xullo, é un complemento do sistema tradicional de citación via SMS, que está a utilizar dende o comezo da campaña a Xunta priorizando os grupos de idade, «e que tan bos resultados reflicte, xa que Galicia é unha das comunidades autónomas que máis avanzada vai no proceso de vacinación», segundo apuntou Comesaña.

Tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, o novo sistema de autocita está destinado, de entrada, para os grupos de persoas maiores de 50 anos e para os estudantes galegos de Erasmus. Posteriormente, en función das vacinas dispoñibles, irase abrindo a outros grupos poboacionais, e, posteriormente, á poboación xeral.

Segundo explicou Comesaña, os listados de estudantes Erasmus, que ascende a un total de 2.000 mozos e mozas, xa lle foi facilitado polas tres universidades galegas á Consellería de Sanidade.

Incluiron ao estudantado galego Eramus porque «os temos localizados, temos unha excelente relación coas universidades e imos poder facer probas a partir do luns», explicou Julio García Comesaña quen aseverou que «empezamos con eles e, unha vez que vexamos que isto funciona e que o sistema soporta as entradas dende fóra iremos ampliando probablemente a outros estudantes nunhas condicións semellantes pero que non teñan a condición de Erasmus».

Pola súa banda, o grupo que forma parte da denominada campaña de vacinación activa, que son o colectivo de 30 a 39 (primeiras doses) e 40 a 49 (segundas doses), seguirán a ser convocados por SMS, quedando o novo sistema de autocita para a franxa superior da campaña activa (máis de 50) e a inferior, de momento, os menores de 30 que sexan estudantes Erasmus.

Para a campaña de vacinación activa irá destinada o 95% das doses, en consonancia coa aposta da Xunta de Galicia pola vacinación por grupos de idade, e o resto das vacinas, un 5%, irá para aos grupos por riba e por baixo da mesma, que son os que poderán facer uso deste novo sistema complementario de autocita.

O sistema que entra agora en funcionamento para pedir autocita, ofrece 8.000 ocos no mes de xullo para que se vacinen estes dous colectivos.

Como solicitar a autocita

As canles para solicitar a autocita son a web de cita.sergas.gal e a través da APP Sergas móbil. O modo de identificar ao cidadán serán de dous tipos. Un con seguridade básica, é dicir co número de tarxeta sanitaria ou do Documento Nacional de Identidade ou Pasaporte; e outra manera que é con seguridade alta, con certificado dixital e Chave365.

Para a selección da data, ofreceráselle un calendario cos días dispoñibles para poder vacinarse. Ao seleccionar un día, indicaráselle se ten ocos dispoñibles ou non, e, tamén, o rango de horas no que se atopan estes ocos, tendo a posibilidade de seleccionar unha hora aproximada de atención. Unha vez rexistrada, o aplicativo amosa os datos co nome do cidadán, así como a data, hora e lugar da vacinación.

Esta data escollida para a vacinación por parte do usuario quedará reflectida para ser consultada nos dispositivos electrónicos, como unha cita máis das que ten pendente o cidadán.

 

 

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES