sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaNova aposta pola promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

Nova aposta pola promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

O Concello de Salceda de Caselas vén de presentar a segunda edición dun programa centrado nesta materia que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro

A tenente de alcaldesa e concelleira de Igualdade, Loli Castiñeira presentou a segunda edición do Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero no que o pasado ano participaron un total de 43 mulleres, tanto nos talleres como usuarias no Servizo Municipal de Asesoramento e Información Xurídica, Psicolóxica e Laboral.
Nesta segunda edición, os talleres reforzarán a inserción laboral, a aprendizaxe de estratexias no acceso ao emprego e o autoemprego, así como as habilidades de comunicación para afrontar os procesos de selección.

Mañá martes arrancarán os talleres no auditorio, sendo o primeiro o de ferramentas de sensibilización e prevención da violencia de xénero.
Traballarase un taller sobre a saúde, o benestar e a actividade física dende a perspectiva de xénero e se incorporan dous novos, un sobre a cultura e o audiovisual como elemento para previr a desigualdade de xénero e outro sobre a era post-Covid para as mulleres no que se analizará a situación económica, social, laboral e emocional das mulleres neste momento de reconstrución.
O Servizo Municipal de Asesoramento e Información Xurídica, Psicolóxica e Laboral seguirá sendo a demanda. Non obstante, cada martes de 09.30 a 14.30 horas, na segunda planta do Concello estará todo o persoal para prestar atención e información.
Castiñeira puxo en valor os resultados do pasado ano e a experiencia adquirida como base para deseñar o programa desta edición que será executado novamente por Red Talento, con profesionais expertas en diferentes áreas e disciplinas. O programa conta cun orzamento de 11.322,70 euros e está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Realizaranse encontros con todas as participantes para a posta en común de experiencias, aspectos de mellora do programa, empoderamento colectivo e activación de redes así como visitas a empresas e axentes sociais e económicos, con mediación laboral e itinerarios de inserción que faciliten ás participantes a mellora da súa situación persoal, social e profesional.
Loli Castiñeira animou a todas as mulleres de Salceda “a participar activamente nas actividades e a acudir aos servizos de asesoramento, que serán completamente gratuítos”.

Pola súa banda, a alcaldesa Verónica Tourón sinalou que “continuamos apostando pola igualdade, é unha satisfacción seguir acollendo este tipo de programas que melloran a situación das mulleres do noso concello tanto no ámbito social como no laboral”

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES