sábado, diciembre 14, 2024
InicioComarcasO CondadoDoutor Fernández Vega, nome da praza entre o Auditorio e o Mercado...

Doutor Fernández Vega, nome da praza entre o Auditorio e o Mercado en Ponteareas

Ponteareas homenaxea ao doutor Fernández Vega dándolle o seu nome á praza creada entre o Auditorio e o Mercado.

O Concello de Ponteareas celebrará o vindeiro martes 18 de maio un acto de homenaxe ao doutor José Antonio Fernández-Vega, coincidindo co aniversario do seu asasinato no ano 1942. 

O acto, que terá lugar ás 20:30 horas, servirá para denominar como Praza Doutor Fernández Vega o espazo humanizado entre o Auditorio e o Mercado Municipal, na rúa denominada baixo o mesmo nome. A humanización deste espazo, que o converteu nun lugar atractivo, agradábel e seguro para as persoas, foi unha obra rematada durante o estado de alarma e coincidindo no tempo con semanas de altas cifras de casos activos na localidade, o que impediu a súa inauguración oficial nese momento.

Ademais da asistencia doutros membros da familia, no acto tomará a palabra a neta do doutor, Gloria Arbones Fernández-Vega, que achegará ao público asistente a figura do homenaxeado. Así mesmo, o grupo de teatro comunitario do Porriño porá en escena unha pequena representación sobre Fernández Vega. As notas musicais correrán a cargo dun grupo de alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Ponteareas.

Dende o goberno ponteareán sinalan que “José Antonio Fernández-Vega foi un médico exemplar e xeneroso, comprometido coa nosa vila dende a súa chegada a ela a comezos do 1931. En Ponteareas desenvolveu a súa profesión, abrindo unha clínica na rúa que hoxe leva o seu nome. Participou activamente na política local e a súa defensa da liberdade e a democracia custoulle a vida, ao ser secuestrado pola Gestapo en Francia e condenado e executado pola ditadura do Xeneral Franco”.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS