domingo, diciembre 10, 2023
InicioComarcasO CondadoNova sesión de teatro en Ponteareas coa representación de “Clausura do amor”

Nova sesión de teatro en Ponteareas coa representación de “Clausura do amor”

A Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas presenta, dentro do convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a obra Clausura do amor, a cargo do grupo Cámara Negra Teatro. A representación será o vindeiro sábado 15 de maio ás 20 horas na sala de usos múltiples do auditorio municipal de Ponteareas.

Clausura do amor, o texto máis representado do francés Pascal Rambert que foi traducido a máis de dez idiomas, chega a Ponteareas na súa versión en galego, interpretada pola actriz Teté García e por Xosé M. Esperante baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio.

“Esta adaptación foi recoñecida cos Premios ao Mellor Espectáculo e á Mellor Actriz na XXXI Edición do Festival de Teatro Galego Celso Parada Fetega 2020 e apostamos por ela, precisamente, por esas cuestións mais tamén, sobre todo, por estar protagonizada pola actriz Teté García, unha persoa que creceu e fixo boa parte da súa formación obrigatoria en Ponteareas” destaca o edil de Cultura, o nacionalista Fernando Groba.

Trátase dunha obra de resistencia física e emocional, onde os dous intérpretes se enfrontan ao final do amor. Deste xeito, o espectador asiste ao acto mesmo de clausurar o amor, de matalo en escena. Un duelo verbal que parte da dor, o medo e a liberación, a través de monólogos intensos e inmensos.

O prezo das localidades é de 4 €. As persoas interesadas poden reservar entradas até as 13 horas do venres 14 de maio no enderezo auditoriomunicipal@ponteareas.gal. Ademais, pódense mercar, de xeito anticipado, o sábado en horario de 11 a 14 h e a partir das 18 horas.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES