domingo, abril 14, 2024
InicioComarcasLouriñaGirl's Gang, fillas do confinamento

Girl’s Gang, fillas do confinamento

Xorde na bisbarra un novo grupo de música en pleno recrutamento pola pandemia da COVID-19

As mosenses de San Rafael (Pereiras), Antía Caride Otero e Tamara Casal Barbeito, e as viguesas Anabel Abalde Campos e Laura Martínez Puga (Law) presentaron oficialmente esta mañá o seu proxecto musical á alcaldesa Nidia Arévalo e a edil de Cultura e Turismo e Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, coas que selaron un compromiso de colaboración de cara á programación de La Vuelta 21 e a conmemoración do vindeiro 25N.

As catro mozas contaron o inusual do seu nacemento como grupo musical, xa que foi en plena pandemia cando Law lle escribiu a Antía a través dunha rede social para propoñerlle unha colaboración artística da que naceu o que hoxe é Girl’s Gang. Tras meses de chamadas telefónicas e videoconferencias, por fin comezaron a ensaiar xuntas presencialmente en xullo de 2020.

O seu peculiar concepto musical, que une voz e baile con elaboradas coreografías, fainas orixinais e singulares, pero o que aínda as fai máis únicas é o seu proxecto cen por cen feminino, xa que tanto os temas que interpretan, que son de temática totalmente feminina (sobre aspectos relacionados coa muller en todas as súas facetas, familiar, sentimental, profesional, reivindicativa…), como o feito de que ademais elas, as catro mulleres, encárganse de toda a produción que require o grupo no que cantan e bailan, as empodera no seu rol feminino.

Perfís

Antía Caride asume no grupo o papel de coreógrafa e responsable de imaxe (estilismos e deseño) xa que domina estas disciplinas a nivel profesional, ao ser profesora de baile e estilista profesional para outros cantantes e proxectos de moda; ademais de ser tamén cantante noutro dúo musical.
Tamara Casal Barbeito, esteticista profesional que traballa nun centro de estética, así como de cantante nun coro, encárgase do deseño e execución dos maquillaxes do grupo.
Anabel Abalde Campos é, xunto con Antía, a outra coreógrafa do grupo; xa que profesionalmente ten unha escola de danza e traballa tamén como profesora de baile noutros centros.
Por último Law, profesora de canto, modelo e guionista profesional, asume en Girl´s Gang a responsabilidade das armonías vocais. Por suposto as 4 cantan e bailan en todos os seus temas.

“Un verdadeiro exemplo de mulleres, mozas, emprendoras e autosuficientes, nunha industria, como outras, na que soe prevalecer a supremacía masculina, pero na que decidiron abrise paso quizais no peor momento posible pola crise sanitaria que estamos a vivir, algo que non as freou e que demostra, así mesmo, que son unhas valentes e un gran exemplo para a mocidade mosense”, declarou a alcaldesa.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, selaron esta mañá o compromiso da administración local mosense con Girl’s Gang para futuras colaboracións entre as que se atoparán unha actuación incluída no programa de actividades con motivo de La Vuelta 21 en Mos, así como outras iniciativas de cara á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, 25 de novembro, como charlas ou mesas redondas para o alumnado do IES de Mos ou un concerto.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES