lunes, noviembre 11, 2024
InicioComarcasVigoRedondela homenaxea ás heroínas de San Simón

Redondela homenaxea ás heroínas de San Simón

O Concello declara este 2021 o Ano das Mulleres de San Simón coa organización de actos que poñen en valor á rede de solidariedade e calidade humana integrada por estas veciñas que socorreron aos presos detidos na illa

A illa de San Simón converteuse nun campo de concentración entre 1936 e 1943. Alí estiveron presos arredor de 6.000 homes por causas políticas. Algúns deles foron sacados para seren fusilados e os seus corpos aparecer nas cunetas.
En 1938 fondeou o buque Upo Mendi reconvertido nunha cadea boiante. Máis de medio millar de presos viviron neste barco en condicións penosas. A imaxe que ofrecía a enseada era terrible.
Neste tempo de terror existían unhas necesidades básicas. As mulleres de Redondela foron un verdadeiro punto de apoio tanto para os presos como para as súas familias. Esta solidariedade foi esencial para moitas persoas que vivían unha época tan dolorosa e durante a cal a vida pendía dun fío. As doenzas, a mala alimentación ou a falta de hixiene provocaron numerosas mortes.
As chamadas “madriñas” non foron só lavandeiras. Tamén levaban comida, remendaban roupa, conseguían mantas, trasladaban cartas, ofrecían menciñas… Pero sobre todo foron seres humanos que ofreceron o pouco que tiñan para axudar a quen máis o necesitaba. Realmente, as mulleres de San Simón foron verdadeiras heroínas en época de violencia.
Por tal motivo, o Concello de Redondela aprobou, na sesión plenaria do día 27 de febreiro de 2020, declarar o Ano das Mulleres de San Simón. A situación de pandemia impediu celebrar os actos previstos ao longo de 2020 e por iso, o Concello decidiu alongar neste 2021 a homenaxe.

Programación abril

Para este mes de abril está programada a presentación do libro “A lavandeira de San Simón”, que será precisamente hoxe venres, ás 19.00 horas, no auditorio da Xunqueira; a inauguración do monumento na memoria dos fusilados, o vindeiro mércores, ás 12.00 horas, no Alto da Concheira e a inauguración da exposición fotográfica en memoria das mulleres solidarias da illa de San Simón, o día 23, ás 12.30 horas, na Alameda de Castelao.

Selo institucional

O Concello de Redondela aprobou un selo institucional de homenaxe ás mulleres de San Simón. Unha imaxe que irá impresa en toda a documentación externa que emita a administración municipal, colaborando así á difusión e coñecemento desta rede de solidariedade, integrada por mulleres, que socorreu aos presos políticos detidos na illa.

As lembranzas quedaron vivas en moitas familias. Algunhas gardan, coma tesouros, agasallos feitos polos propios presos como forma de agradecemento. Incluso houbo presos e madriñas que, tras saír da cadea, se casaron. Algúns, chegados dende outros puntos da península, decidiron residir en Redondela. Porque en cada persoa hai unha historia detrás e agora contamos só un retallo da vida, valentía e heroicidade das mulleres de San Simón

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS