lunes, octubre 14, 2024
InicioComarcasLouriñaDez estudantes do Colegio Lar, entre os mellores oradores da comarca

Dez estudantes do Colegio Lar, entre os mellores oradores da comarca

O centro foi un dos 22 colexios galegos participantes no Torneo de Debate Académico que organiza a Fundación Barrié de la Maza.

O debate está en auxe e con razón. Adaptándose aos tempos e co obxectivo de incentivar o espírito crítico do alumnado, o Colegio Lar sumouse este curso á participación no Torneo de Debate Académico de Galicia, organizado pola Fundación Barrié de la Maza.

Na iniciativa, que este ano chegou á súa terceira edición, participaron, por parte do Colegio Lar, dez estudantes, de 1º e 2º curso de ESO, que integraron dous grupos diferentes. Os equipos debían estar formados por catro ou cinco integrantes que elixe o centro, neste caso os profesores propuxeron aos participantes. Previo ao desenvolvemento da competición, impartíronse sesións de formación, en liña e en directo, de oratoria e de iniciación ao debate e á investigación. Os debates celebráronse tamén por videoconferencia ao longo de dúas semanas, nas que se reuniron a preto de 200 mozos, desde primeiro de ESO a segundo de Bacharelato, de 22 colexios (con 44 equipos) de toda a xeografía galega.

“Debater require unha preparación moi rigorosa por parte dos alumnos, en primeiro lugar, teñen que elaborar unha tese a favor e outra en contra da pregunta formulada sen saber ata o comezo do debate que postura lles tocará”, explica a profesora Carmen Prados García. O desafío que lles lanzou a Barrié chegou en decembro en forma de pregunta: ¿Deben os países membros da UE limitar as liberdades fundamentais para salvagardar o benestar colectivo? “A súa tese ten que apoiarse en tres argumentos claramente evidenciados, os cales presentan, despois desenvolven e rebaten nunha refutación dialéctica, rematando cunha conclusión final; todo elo axustándose ao tempo pautado e sen esquecerse de todo aquelo que rodea á oratoria: xestos, miradas e expresión oral…”, engade a mestra Rosa Guerra Merelles.

“Os resultados foron moi favorables tendo en conta que era o seu primeiro ano. O Colegio Lar está moi orgulloso do alumnado e conseguimos a súa motivación formando un equipo de debate que esperamos continúe durante moitos anos, pois eles xa son conscientes do beneficioso que vai a ser no seu futuro académico e profesional”, subliña Rodrigo Salgado Pombo, director do Colegio Lar que conclúe cunha frase de Cicerón, “no hai nada tan incrible que a oratoria non poida volvelo aceptable”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS