sábado, diciembre 7, 2024
InicioComarcasVal de MiñorO avance da pandemia decidirá a programación da Arribada

O avance da pandemia decidirá a programación da Arribada

Baiona presentou hoxe o vídeo promocional da Arribada 2021, festa que este ano se traslada a outubro.

 213. Estes son os días que faltan para celebrar Arribada en Baiona. Aínda que a festa debería ser esta fin de semana, o Concello decidiu adiar o seu evento máis multitudinario por mor da pandemia, agardando a que o ritmo de vacinación permita conmemorar a chegada a carabela Pinta a Baiona en 1493 coa primicia do descubrimento de América. A nova data será o 1, 2 e 3 de outubro, como así o ratificou o alcalde, Carlos Gómez, na presentación da festa, que tivo lugar esta mañá na Capitanía Marítima de Baiona.

O rexedor explicou que a postura adoptada polo goberno local pretende asegurar unha festividade que “xera un retorno económico moi grande ao comercio local”. “Entendemos que, canto máis se distancie, máis posibilidades teremos de levala adiante a pleno rendemento, garantindo a seguridade dos asistentes”, manifestou o alcalde, salientando que “para elo, o equipo de goberno aprobará unha batería de medidas dirixidas a garantir a seguridade sanitaria e cidadá de todos e todas para poder gozar de tres días cheos de historia, historia como a que estamos facendo agora, sobrepóndonos a unha pandemia mundial”.

A presentación da festa, que terá lugar en outubro, é o único acto que organizará Baiona esta fin de semana. Nin grandes actos institucionais, nin mercados medievais, nin xustas, ni representacións teatrais. Adíase tamén o festivo local do primeiro venres de marzo, que será finalmente o venres un de outubro. Para entón, dende a Alcaldía de Baiona non adiantan ningunha nova sobre a programación da Arribada 2021, pois todo dependerá do avance da pandemia.

Á esta presentación acudiron, ademais do alcalde, a concelleira de Cultura, Miriam Costas; a xefa de zona de Abanca, Ángela Rodríguez; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; e a presidenta da Deputación de Pontevedra; Carmela Silva. Neste evento presentouse o vídeo promocional da Arribada 2021, que leva por título “Mensaxe nunha botella” e ten coma protagonistas ás baionesas Ángela Loureiro e Ángela González. A peza audiovisual, que emocionou aos presentes, empregarase para publicitar esta Festa de Interese Turístico Internacional.

Tamén neste acto presentouse un novo doce, os “Panizos Indios”, unha receita típica indíxena que a panadería Yajoma de Sabarís recuperou para esta vixésimo sexta edición da Arribada.

Esta é a homenaxe de Si Radio á Arribada de 2021.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS