sábado, julio 27, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Baixo Miño conmemora o Día de Rosalía de Castro

O Baixo Miño conmemora o Día de Rosalía de Castro

Cada 24 de febreiro lémbrase o nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia,pola súa defensa do pobo e da lingua.

A Guarda

O Concello da Guarda fai un chamamento a compartir contido e recordar a obra e figura desta escritora galega nas redes sociais e convidou a toda a cidadanía a unirse aos diferentes actos que foron convocados dende a Casa de Rosalía, que son: Caldo de Gloria, neste senso, dende o concello guardés (e tamén en Tomiño) repártense manteis individuais nos comedores escolares para que os máis cativos poidan ler o poema en cuestión durante o xantar deste mércores, 24 de febreiro; Alborada a Rosalía e Le, canta, recita a Rosalía de Castro, e difunde nas redes co cancelo #Día de Rosalía. Ademais, dende o Concello estase a preparar o convenio para constituírse como Mecenas da Casa de Rosalía, mostrando unha vez mais o apoio a figura da escritora, e en consonancia co cariño e admiración que Rosalía sempre levantou entre a veciñanza da Guarda

O Rosal

Tamén no Rosal conmemoraron esta xornada difundindo un vídeo cun poema da autora recitado por 32 veciños que nestes intres viven fóra de Galicia. Tamén o día 24 a fachada da Igrexa da parroquia de Santa Mariña, na Praza do Calvario, é o lenzo sobre o que se proxectan frases e versos de Rosalía. Por outra banda, os centros escolares tamén están a traballar no tema, así mentres que na escola infantil e nas aulas de infantil do CRA María Zambrano pintan debuxos con versos da escritora, o alumnado de primaria do CRA e o do CPI da Mata crean unhas bonecas de papel coa figura de Rosalía que locerán nos escaparates dos establecementos comerciais. Todas estas figuras de papel formarán parte dunha mostra que poderá visitarse nas dependencias municipais e na sala de exposicións do Concello. Para rematar, o vindeiro domingo o auditorio municipal acollerá un acto conmemorativo no que se proxectará o vídeo de versos recitados por xente na emigración e no que representantes de varios colectivos rosaleiros procederán a unha lectura de poemas desta autora. A celebración rematará coa actuación do cantautor guardés Tino Baz

Tui

O Concello de Tui acordou no ano 2013 a celebración anual deste evento e neste ano dende a Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, preparáronse diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocaron na fachada da Biblioteca para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética. O concello tudense súmase tamén ás iniciativas impulsadas dende a Fundación Rosalía de Castro, convidando aos veciños a preparar no ambiente familiar o “Caldo de Gloria”, subindo logo imaxes e comentarios ás redes sociais. Ademais, no propio día a Radio Municipal de Tui emitirá diversos poemas de Rosalía de Castro lidos por persoas recoñecidas da vila, de diversos ámbitos sociais, contribuíndo deste modo á divulgación da súa obra e da súa figura.

Tomiño

E en Tomiño o Día de Rosalía de Castro supón o arranque da programación cultural 2021. A Concellería de Cultura súmase á da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) cunha campaña a través das redes sociais na que se difunde un vídeo no que diferentes persoas de Tomiño len o manifesto da AELG para celebrar o aniversario do nacemento da autora galega. E, como propón a asociación dende 2010, dende o Concello anímase a toda a veciñanza a agasallar nesta data un libro en galego e unha flor mercados nas librarías e florerías locais. Como complemento a esta campaña, sortearanse tres camisetas cunha serigrafía de Rosalía entre todas as persoas que durante toda a xornada enviaran fotos da escritora, frases, fragmentos de libros, información de interese ou calquera anécdota.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES