domingo, abril 28, 2024
InicioComarcasVal de MiñorNigrán deseña un plan para erradicar a pampa

Nigrán deseña un plan para erradicar a pampa

O Concello reserva 12.000 euros do seu presuposto para acabar con esta herba exótica que ameaza as dunas de Panxón e o esteiro de A Foz.

O Concello de Nigrán ven de adherirse á estratexia transnacional contra a cortaderia selloana, unha herba máis coñecida como pampa, que promove ‘Life Stop Cordaderia’ co obxectivo de por en marcha unha fronte común e internacional de loita contra esta especie que ten forma de plumeiro. O avance desta planta exótica en toda a comunidade, especialmente no litoral, é moi visible en Nigrán, onde comeza a ameazar espazos naturais protexidos como o ecosistema dunar de Panxón ou o esteiro de A Foz.

O Concello está xa incluído nunha listaxe pública aloxada na web de “Stop Cordadeira” pasando a formar parte dunha rede de entidades contra a cordadeira, podendo utilizar o selo que confirma a adhesión. Esta asínase despois de que o Concello de Nigrán anunciase a consignación de 12.000 euros do seu orzamento para crear un plan estratéxico de erradicación da herba da pampa.

«A súa presenza pon en perigo á biodiversidade biolóxica nativa e conleva unha alteración dos ecosistemas naturais, tendo unha capacidade de invasión descomunal. Xa hai algún exemplar en zonas especialmente sensibles, por iso desde o Concello non podemos agardar máis de brazos cruzados, temos que actuar xa para evitar a súa propagación concienciando á vez á veciñanza», explica o alcalde, Juan González, quen incide en que ten xa ultimado o plan de acción local coa Asociación Galicia Ambiental.

Pasos a seguir

«Iremos de menos a máis, intervindo nos plumeiros máis illados ou os localizados en espazos naturais, e para elo queremos facer partícipe á veciñanza e acadar que interveñan nas súas propiedades», explica o rexedor. Así, o proxecto inclúe no primeiro ano medidas de difusión cidadá e de contención evitando a propagación das sementes, para elo, crearase unha aplicación móbil na que calquera veciño poderá xeolocalizar a herba da pampa e o seu estado para ir directamente a cortar o plumeiro. Neste senso cabe recordar que sempre debe ser embolsado e posteriormente incinerado, xa que cada planta contén ata 1 millón de sementes que transporta o vento moi facilmente.

O segundo ano extraeranse por completo as plantas en zonas de baixa presencia para despois ir ás de alta concentración; e se fai falla, empregarase maquinaria pesada. Entre xuño e outubro repetiríase a eliminación dos plumeiros que queden e, finalmente, prepararanse os terreos para plantar especies autóctonas que dificulten o novo asentamento da cortaderia.

Finalmente, o terceiro ano continuarase coa reforestación dos lugares ‘liberados’, extraendo novamente de xullo a outubro os plumeiros e finalizando con máis extraccións de plantas se fose o caso.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES