jueves, mayo 16, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Rosal aposta con forza pola reciclaxe

O Rosal aposta con forza pola reciclaxe

O Concello de O Rosal estrea web de medio ambiente co lema de “Únete ao cambio”.

O novo portal dixital de medio ambiente do Rosal que achega aos rosaleiros e rosaleiras todos os recursos necesarios para facer unha xestión do seu lixo respectuosa e sostible.
“Queremos concienciar ás persoas de que existen outros modelos de xestión dos nosos residuos afastados do usar e tirar en prol dun modelo de economía circular. Esta web será a ferramenta que nos axudará a potenciar a autocompostaxe nas vivendas e a recollida selectiva en orixe, a fomentar a trituración dos restos leñosos para evitar a queima ou que acaben nos colectores do resto, a axudar a alongar a vida útil dos obxectos e mesmo a reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar no vertedoiro”, explica a concelleira de Medio ambiente, Sara Vicente.
O portal achega toda a información necesaria para aprender a compostar e reciclar, e tamén anima a reparar e intercambiar obxectos para alongar a súa vida útil. Para iso, o Concello do Rosal habilitará unhas instalacións municipais, a carón do CPI Manuel Suárez Marquier, para por en marcha talleres dotados de todo o material necesario para reparar pequenos aparellos eléctricos, bicicletas e outros enseres. Neste innovador obradoiro municipal tamén haberá un espazo para o intercambio de distintos materiais.

Préstamo de biotrituradoras

O compromiso do Rosal co medio ambiente tamén o levou a por en marcha un servizo gratuíto de préstamo de biotrituradoras para fomentar unha correcta xestión de residuos de orixe vexetal.
Tendo en conta que nos Concellos máis rurais os residuos de orixe vexetal supoñen ata un 10% do lixo domiciliario e que no Rosal estímase que se xeran unhas 230 toneladas anuais, con este servizo evitarase que este tipo de residuos rematen no circuíto de recollida do lixo. Ademais, permitirá reducir o número de queimas, minimizar os riscos de incendio e obter un produto de valor engadido.
As biotrituradoras deberán ser solicitadas polas canles establecidas polo Concello polo menos cun día de antelación e comunicando o día e hora no que se efectuará a recollida da maquinaria. O servizo estará aberto ao público de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. As datas ou horarios de préstamo poderán ser modificadas polo Concello en función da dispoñibilidade das biotrituradoras.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES