sábado, diciembre 7, 2024
InicioComarcasParadantaFacer rap en galego desde un pobo rural

Facer rap en galego desde un pobo rural

Xavi Simón, ten 20 anos, e rapeiro galego de Arbo e gañou o Xuventude Crea de 2020.

Sendo dun concello pequeno e rural como o de Arbo, na provincia de Pontevedra, pode resultar máis complicado ter acceso aos medios necesarios para facer rap en galego, gravar os videoclips e sobresaír en Youtube ou Spotify, pero é posible e para mostra o recente premio logrado por Xavi Simón, musicalmente coñecido como Amorodo. Vén de  gañar o primeiro premio do Crea Xuventude 2020 de Música ao que se presentou con  “Quero” e “Estilo Amorodo”;_un premio dotado de 3.000 euros que compartiu co outro gañador, o grupo Battosai, de Santiago.
“Fago rap e escribo na lingua de Castelao”, así se define no seu perfil de Instagram.Xavi Simón, de 20 anos, escribe desde cativo e foi en 2018 cando decidiu “pórlle ritmo”, como el di, ás súas letras. Xa en 2019 publicou o seu primeiro disco “O clube das moitas”. Para gravar os videoclips recorre aos seus amigos e coñecidos do sector que, cunha idade semellante á súa, estanse a formar ou son semiprofesionais. Desde un pobo rural non se ten tanto acceso a medios e recursos como noutros lugares” expón. É por iso que considera moi importante os contactos. Precisamente unha das aspiracións que ten co seu segundo disco, que está a ultimar, é seguir coñecendo outros músicos, evolucionar e, se a pandemia o permite, volver dar concertos.
Amorodo é tímido no trato, pero cando sobe ao escenario desfruta co que fai e iso envólveo de seguridade e forza para comunicar e transmitir as súas letras reivindicativas, nas que anhela que tamén nas urbes do País se fale galego, lanza crítica política e mensaxes cheas das súas propias vivencias persoais.
Letras reivindicativas que anhelan a fala galega nas urbes do país
Fan de Dios Ke Te Crew ou Hard GZ, a Amorodo gañar este certame serviulle para coller confianza en si mesmo, para convencerse a el mesmo da calidade do seu traballo; primeiro ao ser elixido de entre case unha trintena de participantes para a fase final ao ser un dos seis mellores e, máis aínda, ao resultar gañador.
No último curso de Enxeñaría da Enerxía na Universidade de Vigo, Xavi Simón non ve na música a súa saída profesional pero si unha afección na que seguir medrando e enriquecéndose, de vivencias e aprendizaxes, ao mesmo tempo que agarda que o seu éxito neste certame lle serva a outros rapaces que, coma el, fan rap en galego, ou outra modalidade de música desde un municipio rural, para que lles motive para seguir facendo o que lles gusta e non decaian no intento.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS