sábado, diciembre 14, 2024
InicioNewsA RaiaHistoria: Monção tivo un cumio de Franco e Salazar

Historia: Monção tivo un cumio de Franco e Salazar

Franco e Salazar tiveron unha reunión en Monçao en 1950, foi un acto populista sen ningún acordo.

Aínda hai quen lembra en Monção aquel fastuoso convite do día 27 de setembro de 1950 co que se puña fin a un cumio ibérico de xefes de Estado. Francisco Franco Bahamonde, Caudillo de España, e Antonio de Oliveira Salazar, presidente do consello de ministros de Portugal, tomaron os mellores pratos da bisbarra, beberon viño verde e deixáronse agasallar pola veciñanza, mais non chegaron a acordo ningún nin tampouco pretendían facelo, so quedaron pra «jantar» nun teatro populista de ditadores que comezara xa pola mañá. 

Monção é unha importante vila do norte de Portugal e alí atopase o Palácio da Breijoeira, o lugar elixido por Oliveira Salazar para a cea. O ditador portugués quería amosar a Franco unha das vilas portuguesas ás que lle tiña especial aprecio, pois aínda tiña familiares próximos alí, e Franco quería un lugar próximo a Vigo para pasar a noite sobre territorio baixo o seu dominio. Para o evento púxose en marcha unha grandiosa iluminación, con miles de bombillas. Toda a fachada do pazo foi iluminada e unha parte do lugar reservouse para os asistentes. A presenza de tan altísimas autoridades tiña que ir acompañada do chamado «olor de multitudes».

O Palácio da Breijoeira iluminou os xardíns con miles de bombillas para o acontecemento

Contaba o Faro de Vigo, na edición del 28 de septembro de 1950, que «a cea foi servida no Palácio da Breijoeira, un dos máis suntuosos de Portugal e tan comparables cos vellos pazos reales del país». Tamén dicía que os ditadores, «chegaron ás nove da noite para cear no pazo» en cuxos xardíns, artisticamente iluminados, foron obsequiados cunha festa de bailes populares na que participaron os grupos de Viana do Castelo, Braga e Monção «

Aínda que en Monção algunha xente dicía que os ditadores chegaran en tren (daquela aínda chegaba o ferrocarril á vila miñota), querendo ver algo similar a aquela reunión entre Franco e Hitler de 10 anos antes en Hendaya, a realidade é que os ditadores ibéricos chegaron e marcharon de Monção en coche.

Xa o día anterior Salazar estivera con Franco no Pazo de Meirás e navegaran no iate Azor, que finalmente amarrou no porto de Vigo. Chegado o día 27 saíron ás 9 da mañá do Pazo de Castrelos e marcharon cara a Tui por Puxeiros e Porriño.

A comitiva chegou á ponte internacional de Tui-Valença ás 10:00 da mañá. Franco e Salazar disfrutaban da paisaxe dende o mesmo coche. As autoridades locais de Valença saudáronos á chegada e seguiron a marcha. A comitiva levaba unha escolta de motoristas da Policía de Tráfico e un Escuadrón motorizado de cabalería do reximento número 7 de Portugal.

Tardaron case dúas horas en chegar a Oporto. Visitaron o novo cuartel do reximento número 7 con representantes dos dous gobernos, entre os que estaba o embaixador en Portugal, Nicolás Franco.

Franco quería boas relacións con Portugal, buscando ser ben visto pola OTAN

Despois disto, Franco e Salazar foron ás adegas da Real Compañía Vinícola do Norte de Portugal, onde estiveron cos directores da empresa. Alí baixaron o soto, que noutro tempo fora un túnel do ferrocarril de Oporto, e entón dedicábase á elaboración de espumosos. Franco firmou nun barril, e o director da empresa díxolle que iso serviría «para lanzar ao mercado unha nova marca de viño do Porto que se chamaría » Del Caudillo «». Franco, a quen lle gustaba ver a súa imaxe nas botellas de viño, xa fora informadö pola súa dona, Carmen Polo, das características deste viño. Ela estivera alí en 1942 e firmara no libro de honra da empresa. Nesta ocasión fixérono os dous ditadores.Falou Alfredo Alén, xefe da empresa, que manifestou no seu seu discurso a súa admiración cara o «Caudillo de España», posible descendente de galegos de Salvaterra, dixo que España é un país cara o que Portugal se sinte moi vencellado «por lazos de amizade e comprensión mútua». No seu discurso agradeceu a Salazar as medidas a favor dos viños do Porto.

Despois da «sesión vermú» das adegas con viño do Porto e aplausos de empregados e asistentes, os ditadores foron facer algo que gustaba especialmente a Franco: a revista de tropas, malia que foran as do país veciño. Iso fíxose no cuartel de Artillería Pesada número 7, na Serra do Pilar. Xa ao chegar dúas baterías de artillería dispararon as «salvas de ordeanza» e Franco e Salazar, xunto con outras altas autoridades militares, puxéronse en posición para que as tropas desfilaran. Nos xornais daquela non atopamos referencia ao momento, pero dise que Franco deu un paso adiante sobre os demais compoñentes do séquito deixando a Salazar atrás, o que non gustou moito ao xefe do Goberno portugués, pois consideraba que Franco era un convidado e non debería situarse diante do seu ex exercito.

Alí foi o almorzo ao que según Faro de Vigo asistiron os embaixadores de España e Portugal e o ministro español de Asuntos Exteriores, don Alberto Martín Artajo. Para ir facendo sitio para a cea en Monção, a comitiva aínda foi visitar Santo Tirso, Guimarães, e Braga, onde subiron ao santuario do Bom Jesus do Monte e gozaron dunha merenda lixeira, para despois dun paseo sair cara a vila da Coca.

Franco elixiu Monção para poder pasar a noite en Vigo

A Franco non lle interesaba para nada Portugal nin as relacións entre os dous paises, pero si que houbera certa apertura dos Aliados, que mantiñan a España illada, fóra da OTAN, polo seu apoio ao réxime nazi. Salazar e Franco non se tiñan simpatía personal algunha, malia seren os dous ditadores.

A súa visita ao Palácio da Breijoeira foi un teatro populista que buscaba transmitir as boas relaciones existentes entre dous paises que se miraban de esguello, motivo polo cal firmaron un pacto de non agresión anos antes, encargado por Franco o seu irmán, o embaixador Nicolás. Para iso foi especialmente importante naquelas datas elixir o norte de Portugal, onde había certa simpatía co ditador español polo feito de ser galego. Como sempre, hoxe a metade norte de Portugal ve con máis simpatía aos galegos e galegas que a metade sur.

Hai que lembrar que baixo o mandato de Salazar, Portugal apoiou a insurrección franquista que se ergueu en 1936 contra a Fronte Popular española, elixida democraticamente. Unha representación diplomática española en Portugal estivo dirixida desde 1938 por Nicolás Franco, irmán do xeneral Franco, quen permaneceu no seu cargo durante dúas décadas consecutivas. Durante a guerra civil tivo un destacado papel de axuda ao Ejército sublevado e foi o principal conselleiro e axudante do seu irmán. Desde Lisboa coordinou as axudas financeiras recibidas por banqueiros partidarios do levantamento.
Durante a guerra civil, Salazar, pola súa banda, autorizou que polo seu territorio pasase a axuda militar prestada a Franco por Hitler e Mussolini.Un apoio que permitiu aos avions nazis o bombardeo de Guernica en 1937. Mentres tanto Portugal tamén prestaba axuda aos republicanos dende o punto de vista humanitario.

 

Documentación: Faro de Vigo, Abc, J. Fontana (Ed.), España bajo el franquismo, Barcelona, ​​1986; JM Ferreira, Um século de problemas.As relaçoes luso-espanholasdurante a guerra fría, Lisboa, 1989; C. de Oliveira, Cem anos nas relaçoes luso-españolas, web Valemais.pt

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS