viernes, marzo 29, 2024
InicioNewsO PaísO SERGAS realizará test de antíxenos este sábado nas sete cidades galegas

O SERGAS realizará test de antíxenos este sábado nas sete cidades galegas

Dispositivos móbiles do SERGAS realizarán test de antíxenos á poboación que non dispoña da pauta completa de vacinación e emitirán o correspondente certificado.

 

Sanidade habilitará para este sábado dispositivos móbiles en diferentes puntos das sete grandes cidades galegas  nos que se ofrecerá a realización de tests de antíxenos a aquela poboación que non dispoña da pauta completa de vacinación, así como a expedición do correspondente certificado co resultado desta proba. Estes dispositivos contarán con persoal de enfermería e funcionarán en horario de mañá de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 en horario de tarde na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago Vigo e Ferrol.

A Xunta realiza esta experiencia piloto «coa intención de aumentar a capacidade diagnóstica de Galicia e quere, deste xeito, axudar á cidadanía galega a familiarizarse con este sistema co que se verá obrigada a convivir mentres a situación epidemiolóxica non mellore e o proceso de vacinación non acade a unha porcentaxe aínda maior da poboación», segundo apuntan dende Sanidade.

Este sistema complementará así a oferta que a poboación ten ao seu dispor mediante os distintos cribados poboacionais que as áreas sanitarias organizan nos concellos de maior incidencia, mediante o cribado de PCR en saliva que se realiza en colaboración coas farmacias galegas ou mediante calquera outra proba realizada por un laboratorio oficial autorizado que se oferte desde o ámbito privado, incluíndo as que poidan ofertar desde os propios establecementos que estarán obrigados a requirir esa proba para permitir o acceso ao seu interior.

Ao tempo, o goberno galego está a traballar cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para deseñar un protocolo de validación dos autotests que están dispoñibles sen prescrición médica nas farmacias desde a publicación no Boletín Oficial do Estado do  Real Decreto 588/2021, de 20 de xullo, polo que se modifica o Real Decreto 1662/2000, de 29 de setembro, sobre produtos sanitarios para diagnóstico «in vitro», co obxecto de regular a venda ao público e a publicidade dos produtos de autodiagnóstico da COVID-19. Este protocolo no que se está a traballar permitiría a validación por parte dos profesionais da farmacia da identidade da persoa diagnosticada e da correcta aplicación da proba, permitindo deste xeito certificar a autenticidade do seu resultado e que o mesmo resulte válido para permitir o acceso ás actividades que, segundo as novas medidas de restricións aprobadas, requiran dispoñer, entre outras opcións, dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa.

Localización nas sete cidades

Na cidade da Coruña, este punto de realización de test de antíxenos instalarase na explanada do Pavillón de Deportes de Riazor; en Lugo, na Praza Maior; en Ourense, no Xardín do Posío; en Pontevedra, na Praza de España; en Santiago, na Praza Roxa; en Vigo, na explanada do Náutico; e, en Ferrol, na Praza da Constitución.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES